A conselleira de Cultura e Deporte e a directora xeral para o Deporte presentaron a competición, na que colaboran asociacións de Compostela, Ourense, Ferrolterra e Coruña.
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, xuntáronse con representantes das Asociacións de Chave de Compostela, Ourense e Ferrolterra, e da Irmandade da Coruña para darlle pulo a este deporte tradicional galego en todo o país.
Para isto creouse a primeira Liga Galega de Chave, que hase botar a andar en pouco tempo e á que no futuro se han poder unir clubes doutras partes do país.
"Esta liga nace coa vocación de revitalizar o noso deporte tradicional por excelencia, que permanece vivo en moitas partes do noso país pero que até o momento non tiña unha cobertura nacional e as competicións se circunscribían ás comarcas encontrándose entre as distintas ligas só esporadicamente. Por iso, dende a Dirección Xeral para o Deporte imos axudar a revalorizar o deporte da chave por todo o país", comentou Bugallo durante a presentación.
Como se ha xogar?
Nesta primeira edición han xogar na liga oito equipos, dous por cada unha das comarcas fundadoras, mais para a tempada que vén é probábel que se convirta nunha competición con varias ligas comarcais.
Hase desenvolver entre maio e xuño, a unha volta en cada comarca. En cada unha das bisbarras hase xogar coas regras propias (a chave xógase dun xeito ben diferente en cada zona de Galiza), tendo que adaptarse os equipos visitantes á chave propia de cada lugar, así como ás súas distancias e peculiaridades.
Unha vella demanda
Este torneo é, en realidade, unha vella demanda das asociacións de chave de Galiza, e, en palabras do presidente da Asociación de Chave de Ourense, Manuel Cid Fontaíña, é un soño deito realidade. Polo seu lado, o presidente da Asociación de Ferrolterra, tamén emocionado, salientou que "é un logro moi importante que debemos aproveitar para plantar a semente para que no futuro se poida expandir por toda Galiza".