Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Chave

"O que importa é atinarlle á chave, sexas vello ou novo, home ou muller"

José Puente Iglesias ten apenas 50 anos e leva uns 10 de presidente da Asociación da Chave de Compostela. Hai moita xente que pensa que éste é un deporte de vellos, pero nas equipas que conforman a Liga da Chave nas Eiras, a liga de Compostela e bisbarra, teñen entre 18 e 75 anos, e o que ten os 75 "aínda lle dá con moita ilusión". Non abonda con ser vello ou ser home; as mulleres tamén saben deitar a chave, e todos están a loitar pola creación dunha Liga Nacional.

Redacción - 13:30 23/05/2007
A Chave de Ferrolterra, con aspas, diferente da Compostelá

A Chave de Ferrolterra, con aspas, diferente da Compostelá

Acabadiño de terminar o XXXI Campionato Anual de Chave de Santiago de Compostela, que cada ano se celebra na alameda, polas Festas da Ascensión, Jesús Puente fala encantado do traballo feito pola asociación que preside na organización, e encantado tamén coa participación. Aínda que este ano o primeiro e mailo segundo clasificado só levaron cadansúa parella de xamóns -Sanidade prohibiulles agasallar un carneiro vivo, como fixeron toda a vida- o campionato estivo emocionante, e os participantes non deixaron de suar para atinarlle á chave as veces que fixese falla para gañar.

A asociación da Chave de Compostela tamén organiza, dende hai preto de corenta anos, a Liga da Chave nas Eiras, liga de Compostela e maila súa comarca na que xogan hoxendía unhas 10 equipas, aínda que hai algún tempo chegaron a ser 36. Na liga só xogan homes, mais as mulleres están pelexando por formar unha liga propia e adestran duro para competir polo Apóstolo, no único campionato no que poden participar.

O que quería Puente era crear unha Liga Nacional de Chave, pero para iso cómpre federarse, e falar con todas as asociacións galegas, o que non semella difícil, porque entre elas lévanse ben... O problema son as regras da chave. Cada zona ten as súas propias, que difiren entre elas polo tamaño e forma da chave -con aspas, sen elas, pequena, grande...- no tamaño de peso dos pesos, pellas ou peletres e no xeito de puntuar.

Mais, cunhas regras ou con outras, o importante é deitar a chave, lanzándolle con tino o peso, cousa que José Puente -que ten xogado en varias equipas compostelás, e aínda segue dándolle- leva toda a vida facendo "mais ou menos ben".

Trinta e un anos xogando á Chave en Compostela. O Campionato da Ascensión debe ser dos máis vellos de Galiza. Como lles saíu a edición deste ano?
Saíunos ben, dentro do frío que fixo na alameda. Participou moita xente, sobre todo da Liga da Chave nas Eiras, de onde viñan os favoritos. E os pronósticos cumpríronse, xa que a parella formada por Miguel Liñares e Francisco Puga, que xa partían como favoritos, quedou en primeira posición, gañando os dous xamóns do premio. Estes dous, ademais xogan na equipa que vai primeira na Liga das Eiras, a do Sacho-Bellavista. De segundos ficaron Amador Torreira e Juan López, da mesma equipa, que levaron os outros dous xamóns. Hai anos dábamos un carneiro enteiro -aínda o demos o ano pasado-, pero Sanidade prohibíunolo, e agora confórmanse todos cos xamóns... e cos trofeos, con algo de pena.

Os gañadores eran todos xogadores da Liga da Chave nas Eiras, cantos anos hai que existe a liga? cantas equipas hai nela hoxendía?
Pois nós levamos coa asociación uns corenta anos, e a liga debe haber outros tantos que existe. Hai algúns anos chegou haber preto de corenta equipas xogando nela, mais agora só fican dez.

E todos os membros das equipas son homes, non?
Pois si. Pero as mulleres tamén xogan. Non compiten na liga, pera adestran con forza no pavillón de Roxos para participaren nos Xogos do Apóstolo. É a única competición na que xogan porque, ao seren poucas, non poden facer unha liga propia, aínda que teñen moitas ganas e están loitando por ela, coa axuda da asociación.

Outra das ideas estendidas, ademais de que sodes todos homes, é que sodes vellos. Hai que ter algo máis de 50 anos para darlle á chave?
Pois, aínda que o pareza, non che é verdade. Na nosa liga hai xente dende os 18 até os 75 anos. E nas mulleres dos 15 aos 50, mais ou menos.

E como lle dá o de 75 anos?
Pois aínda lle pega ben... con algunhas dificultades cando a eira ou campo no que xoga vai costa arriba. Pero dálle con moita ilusión, e así dá gusto.

Como andades agora coa liga? en que fase ides?
Pois aínda andamos polo medio. Pola semana adéstrase, e xógase os luns, os martes e os mércores á noitiña. Cando chegue máis o verán, e terminen os partidos de volta da liga, xogamos a Copa, os xoves, entre as equipas mellor clasificadas. A final da Copa xógase nunha eira soa, escollida pola organización.

Cantos campos de xogo hai agora na comarca de Compostela?
Pois hai 10 campos oficiais. Cada equipa ten o seu. Está o de Galeras, o de Figueiras, o de Roxos... así por nomear algúns. O único cuberto é o que está no parque de Galeras, en Compostela, que tamén queda aberto para quen queira achegarse, pola semana, se non hai partido, de 19 a 22:30 horas.

Contades con algunha axuda da Xunta ou do Concello para desenvolver a liga ou as competicións que organizades?
Pois a Liga da Chave nas Eiras está patrocinada polo grupo de El Correo gallego, que nos axuda un pouco no seu desenvolvemento, mais moito non é o gasto, porque nos desprazamos nós aos campos e os gastos adoitan ser pagados pola peña ou equipa. No Campionato da Ascensión colabora o Concello, mediante a consellaría de Deportes, que nos paga os gastos todos, os trofeos e os premios. O do Apóstolo organizámolo nós, e logo tamén está o Open de Conxo, que se fai o último domingo de agosto no campo de fútbol da vila, ao que tamén vén xogar xente de fóra da liga e da comarca.

E como se adapta a xente de fóra ás vosas regras? porque seica en cada zona de Galiza hai unhas regras propias para xogar á chave, e mesmo a chave e os pesos están moi diferenciados nunha zona e noutra.
Pois, a verdade, adáptanse ben e gostan das nosas regras, que, ademais, son as máis estendidas do país. É das poucas veces ao ano que se mesturan xogadores de zonas e ligas distintas.

Cales son as outras?
Pois, sobre todo, polas festas do Corpus en Ourense. Alí xuntámonos unha selección de Santiago, unha de Ourense, unha de Vigo e outra de Ferrol. Gaña sempre quen está máis en forma naquela altura. A selección de Compostela confórmaa unha equipa con xogadores da nosa liga que escollo eu e catro compañeiros da asociación.

E levándovos ben entre as distintas asociacións galegas, non tedes pensado en facer unha Liga Nacional todos xuntos?
Pois a verdade, teimamos moito niso. Habería que se federar e elaborar unhas regras comúns. Nós levamos algúns anos traballando niso, cunha xente da Coruña, pero non temos avanzado moito. A Xunta subvencionaría a federación, as viaxes... nós o único que temos que facer é chegar ao acordo para poder xogar cunha chave soa, unha medida soa e un peso común para todos. Así poderiamos xogar entre seleccións ou entre equipas por todo o país.

Ademais da Liga Nacional, tedes algún outro proxecto a curto prazo na asociación?

Pois levamos un tempo traballando coas ANPAS (Asociacións de Nais e Pais de Alumnos) dos colexios de Compostela para levar a chave aos centros de ensino, e facer que os pequenos se interesen polo xogo. É importante que os nenos aprendan a xogar para poder facer, a longo prazo, unha liga noutras categorías, na que eles poidan participar. Todos os anos polo Apóstolo deixamos xogar aos nenos de máis de 12 anos no campionato, para que vaian vendo, aprendendo e se vaian interesando pola chave. A cousa é que non se perda cos seus pais, que eles tamén saiban xogar e que lles guste, porque é un xogo ben bonito. Eu levo décadas practicándoo, e poucos xogos me gustan tanto como a chave.

Como se pode un facer cun xogo completo de chave do que vós empregades? como conseguides o material?
Pois temos un par de ferreiros aos que acudimos cando fai falla un xogo de chave, un de Conxo e outro do Milladoiro, nos contornos de Compostela. Encargámosllo, e eles tarda un tempo en facernos o xogo, formado por unha chave e catro pesos. O xogo completo pode andar nuns trescentos euros.

E que cousa tedes entre mans agora, ademais do campionato de liga e o traballo nos colexios?
Pois, o sábado imos ir a Pereiro de Aguiar, en Ourense, ao III Encontro Escolar Galego de Xogos Tradicionais, organizado por Brinquedia, a Rede Galega de Xogo Tradicional e a Fundación Deporte Galego. Aló imos ensinar o que sabemos sobre a chave e aos nenos e nenas que se acheguen a aprender a cultura dos xogos do país.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: