Medio Rural vai realizar 3.500 actuacións en todos os concellos do país e prevé a creación de 5.000 novos postos de traballo.
A Consellaría do Medio Rural investirá un total de 212 millóns para tentar evitar os efectos da desaceleración económica no sector agrario. Con esta acción a Xunta pretende capitalizar o campo galego e convertelo en dinamizador da economía.
O Plan de Dinamización proxecta realizar 3.500 actuacións durante este 2008 en todos os concellos do país, coas que se pretende crear 5.000 novos postos de traballo. Segundo indicou o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, o proxecto é un compendio integral de "iniciativas postas en marcha no rural e outras propostas adiantadas".
Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, explicou que o que se busca é "anticipar respostas e encarar o novo contexto de desaceleración económica" en que nos atopamos.
A iniciativa pretende ser unha contribución importante para achegar recursos ao tecido empresarial do rural, e que dese xeito se manteña a carga de traballo nun momento de desaceleración económica, xa que, en palabras de Quintana, "históricamente o campo sempre acabou pagando a peor parte".
Xestión forestal, infraestruturas e accións dinamizadoras
Os 212 millóns de euros investiranse en tres grandes ámbitos: en primeiro lugar, 75,5 millóns están orientados a proxectos de xestión forestal "sostíbeis e rendíbeis", outros 116,6 financiarán infraestruturas agrarias e gandeiras e por último vinte millóns máis serán para actuacións dinamizadoras, emprendedoras e de diversificación produtiva no rural.