Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A adhesión de Croacia sería en 2011

A Comisión Europea ve a Turquía dentro da UE na altura de 2020

O comisario de Ampliación avalía que o proceso de negociación co goberno turco completarase nun prazo de entre dez e quince anos.

Redacción - 12:30 22/04/2008

O próximo mes de xuño a Comisión Europea abrirá dous novos capítulos de negociación con Turquía, os referidos a dereitos das empresas e propiedade intelectual. Serán en total oito os puntos de debate abertos e, ao ritmo actual das conversas, e co guieiro de 35 temas que a Unión Europea deseñou, Turquía cumpriría os requirimentos para formar parte da UE nun prazo de entre 10 e 15 anos. Así o asegura esta semana en entrevista co xornal alemán Die Welt, o comisario europeo de Ampliación, o finlandés Olli Rehn, quen con todo, indicou que "a Turquía aínda lle queda agora mesmo un longo camiño".

O optimismo do eurocomisario contrasta coa cautela a nivel dos países membros. A chanceleresa alemá, Angela Merkel, e o presidente francés, Nicolas Sarkozy, téñense pronunciado xa sobre o estabelecemento dunha relación "privilexiada" con Turquía no momento en que complete o proceso. Segundo esa estratexia, esa relación non remataría necesariamente na incorporación de Turquía como socio, quedando tan só nun estatus especial. Esa postura foi reafirmada recentemente pola ministra de Exteriores de Austria, Ursula Plassnik, quen en visita recente a Turquía subliñaba precisamente que non se producira a adhesión de xeito automático aínda cando se completen os 35 puntos a negociar.

Así e todo, as declaracións de Olli Rhen poden entenderse tamén como un xesto simbólico en favor do actual goberno turco nun momento especialmente complicado para o executivo do primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan, co Tribunal Constitucional analizando a posíbel prohibición do partido gobernante. "É importante que a UE amose o seu compromiso con Turquía nestes momentos difíciles", dixo.

Croacia avanza axiña cara a UE
Por outro lado, o socio potencial da UE que máis rápido camiña no cumprimento das esixencias estabelecidas pola Comisión Europea é Croacia. Segundo o plan inicial da UE, esa adhesión podería producirse en 2011, malia que o goberno croata traballa coa previsión de que en 2010 poida asinar a entrada, segundo recoñecía hai poucos días o ministro de Exteriores croata, Gordan Iandrokovic.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: