Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara a terra

Sen feridos no pesqueiro mentres os secuestradores confirman que pedirán rescate

En conversa coa Radio Galega, un dos mariñeiros do barco secuestrado asegurou que navegan sen dificultades, malia os danos sufridos durante o ataque, e que ningún deles resultou ferido.

Redacción - 13:25 21/04/2008

Un dos tripulantes do conxelador Playa de Bakio, con base en Euskadi malia ser propiedade dun armador de Baiona, confirmou nunha breve conversa coa Radio Galega que ningún mariñeiro resultou ferido durante o ataque e secuestro do buque.

Segundo parece, o secuestro foi realizado por catro persoas, que causaron danos de gravidade na estrutura da ponte do barco, malia que este navega sen complicacións cara a algún punto da costa de Somalia. Os secuestradores terían confirmado que o obxectivo e solicitar un rescate a cambio da liberación dos mariñeiros.

Para os micrófonos da RNE falou tamén o capitán do barco, quen explicou que os secuestradores se dispoñían a contactar co seu xefe para recibir instrucións. "Estamos ben todos, non hai problemas", asegurou o capitán. Un dos secuestradores asegurou, nun inglés moi pobre, que son unha milicia somalí e confirmou que só querían diñeiro a cambio dos reféns. "Non problem, this is money", repetía un deles, tras asegurar que os pescadores estaban ben.

Desde o Ministerio de Defensa avanzan que están en contacto coas autoridades militares de países con presenza militar na zona co obxecto de obter a súa colaboración en todo o que supoña apoio loxístico e axuda na localización do barco afectado.

Non é a primeira vez que se produce na costa somalí un suceso similar. O pasado 11 de abril un grupo de 30 turistas, a maioría franceses, permaneceu secuestrado nun veleiro, retido por unha ducia de piratas. Despois dunha negociación, entre os filibusteiros e o armador do buque, que accedeu a pagar un rescate de dous millóns de dólares a cambio da entrega dos reféns, unha operación do exército francés conseguiu a liberación dos turistas e a detención de seis piratas.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: