Vieiros faise, en parte, dende a cidade do Lérez, onde se desenvolve a proba do campionato europeo, apoiando a selección galega. Minuto a minuto, toda a información sobre a Copa de Europa dende Pontevedra.
Cando Galiza se converte no epicentro europeo do triatlón, un deporte que seguimos dende hai tempo, imos para alí; e desta volta, por primeira vez na historia, tocoulle a Pontevedra.
Dende a cidade do Lérez imos ofrecer a última hora do que fan os triatletas galegos nunha proba da Copa de Europa que, aínda sen comezar, xa aprobou con sobresaínte, segundo a Federación Europea, que está ben contenta co percorrido.
Son 1.500 metros de natación, 40 km de ciclismo e 10 mil de carreira a pé que han comezar no Lérez, continuar polo casco histórico da cidade e finalmente, terminar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).
A cousa comeza ás 14:30 horas, coa proba feminina, e continúa ás 17:30 horas coa masculina.
Os e as galegas do triatlón
A selección galega de triatlón debutou a nivel internacional tamén nunha proba da Copa de Europa que se desenvolveu en 2006 en Estoril (2006). Naquela altura estaban Alberto Trillo, Gómez Noya, Aída Valiño e Saleta Castro.
A selección actual, a que corre este sábado en Pontevedra, está conformada por dez triatletas, cinco mozas e cinco mozos. Repiten todos os que estaban hai dous anos en Estoril.
As mozas son: Aída Valiño (campioa estatal de duatlón sub 23), Saleta Castro, Alba Cuba, María Martínez e Fani Domínguez. Os mozos: o primeira triatleta do mundo, Javier Gómez Noya, Jesús Gomar (tamén campión, hai unha semana, no estatal de duatlón sub 23), Alberto Trillo, Óscar Vicente e Borja Conde.