A Unión de Consumidores de Galicia felicita a entrada en vigor da nova lexislación e destaca a importancia de que se estabelezan garantías "no produto máis importante" ao que un consumidor accede ao longo da vida.
Medidas que contribuirán decisivamente a dotar as vivendas "dunha configuración que as faga habitábeis e dignas no seu uso" non poden senón "ser consideradas como moi acertadas". Deste xeito se pronuncian desde a Unión de Consumidores de Galicia, UCGAL, en apoio das Normas do Hábitat que entraron en vigor este xoves. "Supoñen un avance moi importante na consecución de obxectivos tendentes a dotar as vivendas galegas dunhas características de habitabilidade e sustentabilidade e por riba de todo, de dignidade", afirman desde o colectivo.
Despois de estudar o documento polo miúdo, a UCGAL subliña o seu "rotundo" apoio á posta en marcha destas normas, e de xeito concreto, expresan a súa satisfacción polo feito de que as propias organizacións de consumidores e usuarios vaian ter voz neste ámbito a través dun representante no Comité Asesor de Habitabilidade.
Salientan ademais o desexo de que fronte ás presións e críticas aparecidas desde algúns sectores, as novas normas "non acaben sendo papel mollado" e insta ao Goberno a "implicarse decididamente" nunha iniciativa que lle garante aos cidadáns "o acceso a vivenda en condicións de calidade, sostibilidade e dignidade". Ao respecto, propóñenlle á Xunta que desenvolva tamén actuacións informativas co obxectivo de trasladarlle á cidadanía "o contido do decreto" coa meta de que os consumidores sexan conscientes dos "dereitos" que a Norma do Hábitat lles garante.