Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
EXPOSICIÓN, DO 21 DE ABRIL AO 25 DE MAIO

Vigo recupera 'as palabras e os días' de Álvarez Blázquez

A mostra, situada na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa), inauguraráse o luns 21, e inclúe conferencias e recitais poéticos.

Redacción - 12:00 20/04/2008

Non é doado resumir a actividade de Xosé María Álvarez Blázquez: escritor, editor, arqueólogo, investigador, historiador, mestre... A exposición A palabra e os días, organizada pola Editorial Galaxia, a Consellaría de Cultura e a Concellaría de Cultura de Vigo busca achegar ao público á súa figura, atendendo ás súas múltiples facetas vitais e creativas.

A mostra constitúe, polo tanto, unha viaxe pola súa vida desde o seu nacemento en Tui ata a súa morte en Vigo, e ao tempo, dalgunha maneira, unha viaxe pola Galicia do século XX. O visitante poderá achegarse a súa obra a través do material bibliográfico exposto, tanto da súa autoría como da súa faceta de editor, e a súa vida a través dos obxectos persoais e as pezas dos fondos da familia Álvarez Blázquez.

A inauguración terá lugar o luns 21 de abril, ás 12.00 horas. Contará coa participación de Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura, Xesús López Carreira, Concelleiro de Cultura de Vigo, Francisco Fernández del Riego, director da Biblioteca Penzol, Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, e Francisco Castro, comisario da exposición.

Conferencias e recitais poéticos
O ano da Letras Galegas ten en maio o seu centro, e a inauguración desta mostra supón o arrinque dos actos de homenaxe máis importantes a Álvarez Blázquez, que culminarán o 17 de Maio, Día das Letras. A exposición inclúe un amplo conxunto de actividades paralelas: dous obradoiros (un de arqueoloxía e outro de cantigas medievais galegas) e unha serie de conferencias e recitais poéticos, entre o que destaca o que o martes 22 de abril reunirá a Darío Xohán Cabana, que falará de A miña lembranza de Xosé María Álvarez Blázquez, e ao propios fillos do homenaxeado, que recitarán os poemas do pai.

Martes 22 de abril. Darío Xohán Cabana: A miña lembranza de Xosé María Álvarez Blázquez. Recital poético a cargo dos fillos de Xosé María Álvarez Blázquez: As palabras do pai.
Martes 29 de abril. Sabino Torres: Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez na colección Benito Soto.
Martes 6 de maio. Víctor Freixanes: Xosé María Álvarez Blázquez, editor.
Martes 20 de maio. Pilar Barciela: Xosé María Álvarez Blázquez, Arqueólogo.


3,86/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé María Álvarez Blázquez
Xosé María Álvarez Blázquez
As conferencias terán lugar na Casa Galega da Cultura
As conferencias terán lugar na Casa Galega da Cultura