Tamén se falará de Voces Ceibes, e do 25 aniversario do Consello da Cultura e da Lei de Normalización.
A cultura galega vivirá en 2008 dous momentos que poden ser considerados históricos. O primeiro, en febreiro, coa participación na Feira do Libro da Habana como país convidado. O segundo, en xullo, na Festa Marítima Internacional de Brest, tamén como como país convidado. A cultura galega difundirase no mundo e relacionarase coas culturas asentadas, coas culturas con Estado de seu en pé de igualdade.
Será tamén o ano de Xosé María Álvarez Blázquez, homenaxeado no días Letras Galegas. Será igualmente un ano de música, co 40 aniversario de Voces Ceibes e do movemento estudantil de 1968 na Universidade de Santiago. Polo demais, o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais converterase na Axencia Galega das Industrias Culturais e no 2008 comezaranse a ver os primeiros resultados da Declaración de Compostela asinada por Galiza, Euskadi e Cataluña.
2008 será tamén un ano de aniversarios. O máis destacado o centenario da morte de Curros Enríquez, motivo polo cal a Real Academia decidiu que este será o ano de Curros, ao que dedicarán unha completa programación de actividades. Tamén se cumprirán 120 anos do nacemento de Otero Pedrayo, e 175 do de Murguía. De igual xeito, haberá que lembrar os 50 anos dos pasamentos de Luís Pimentel e López Cuevillas.
Cumprirán anos varias institucións, así coma algunhas leis e normas determinantes na historia recente de Galiza. O Consello da Cultura Galega celebrará o seu 25 aniversario, e tamén se cumprirán 25 anos da Lei de Normalización Lingüística. Mentres, o CGAC fará quince anos, e a Mesa prá Defensa del Galego de Asturias vinte. Finalmente, farán dez anos daquela iniciativa normalizadora que se chamou Galegos de por vida, estinada a galeguizar as esquelas, epitafios e demais documentos e textos ao redor da morte.
Apunta estas datas
7 de febreiro. Centenario do pasamento de Manuel Curros Enríquez
Do 13 ao 24 de febreiro. Feira do Libro da Habana.
13 de febreiro. Cincuenta anos da morte de Luis Pimentel
5 de marzo. 120 anos do nacemento de Otero Pedrayo
13 de marzo. Cinco anos da morte de Lois Tobío.
17 de maio. 175 anos do nacemento de Murguia
17 de maio. Día das Letras Galegas dedicado a Álvarez Blazquez
8 de xullo. Vintecinco anos do Consello da Cultura Galega
Do 11 ao 17 de xullo. Festa Marítima Internacional de Brest
24 de xullo. Cinco anos da última Normativa da Lingua Galega
30 de xullo. Cincuenta anos da morte de López Cuevillas
30 de outubro. Vinte anos da Mesa prá Defensa del Galego de Asturias
30 de novembro. Dez anos de Galegos de por Vida