Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FEIRA INTERNACIONAL DO LIBRO DA HABANA

A nosa cultura viaxa a Cuba en 2008

Por vez primeira na historia, Galiza será o país convidado nunha Feira Internacional do Libro, a da Habana, que se celebrará en febreiro

Redacción - 18:26 26/11/2007

A cultura galega faise grande e adquire categoría de cultura nacional. En 2008 Galiza será, por vez primeira, o país convidado nunha Feira Internacional do Libro, a da Habana, unha das máis importantes de América Latina e referente en todo o mundo, feira na que por exemplo en 2007 foi Arxentina o país protagonista. A Consellaría de Cultura vén de presentar a candidatura galega para acadar ese recoñecemento en 2011 na Feira de Guadalaxara.

En febreiro desprazaranse a Cuba máis de corenta autores (entre eles, Méndez Ferrín, Luz Pozo, Manuel Rivas, Suso de Toro ou Teresa Moure), que participarán nos ao redor de 45 actos programados. Non só presentacións de libros, charlas e conferencias, senón que, na procura do obxectivo de amosar a pluralidade e modernidade da cultura galega contemporánea, nos días que dure a Feira do Libro, Galiza ofrecerá na Habana unha serie de oito exposicións, así como recitais poéticos, espectáculos teatrais e concertos musicais.

Exposicións, concertos e representacións teatrais
As exposicións terán unha temática variada e amosarán o estado actual da banda deseñada, a arte contemporánea e a fotografía galegas, os vencellos de Galiza con Cuba e con América, ou a Historia de Galiza e da súa literatura.

En canto á música, están confirmadas as actuacións de Uxía, Nordestinas, Marful, Narf e Xabier Díaz. Ademais, presentarase o Proxecto Rosalía XXI, no que participan Abe Rábade, Anxo Angueira e Guadi Galego. e celebrarase o Encontro de voces galegas e cubanas, no que Pablo Milanés actuará con varias cantantes galegas.

Tamén participará Quico Cadaval, co seu Encontro de contadores: galegos, cubanos e africanos, e haberá espazo para a danza contemporánea de Pisando ovos, os monicreques de Galitoon, e a maxia do Mago Antón.

Unha ducia de libros editados para a ocasión
O paso de Galiza pola Feira posibilitará a edición de varias obras que explorarán as relacións entre os dous países. Entre elas, dúas antoloxías bilingües de poesía galega, dúas antoloxías de narrativa. Así mesmo, editarase unha análise de Xosé Neira Vilas sobre a Presenza diversa dos galegos en Cuba, e un texto ilustrado de Pepe Carreiro chamado René non coñece Galicia.

Finalmente, a Consellaría de Cultura e a USC coeditarán Dez anos de ZUNZUN, revista infantil cubana (1980-1990), unha reedición facsímil de 16 poemas galegos para Ernesto Che Guevara contra a súa morte e o libro De raíz profunda. Galicia e o galego en Cuba.


Documentos

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: