Convértese no terceiro dirixente da historia do órgano colexial. Non se convocaron comicios por non haber máis candidaturas.
Xosé Manuel Pereiro
Xosé Manuel Pereiro será o novo decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Pereiro, que encabezaba a única candidatura que concorreu ás eleccións, será o terceiro decano da historia da institución. Como estabelecen os estatutos do CPXG, a Xunta de Goberno será proclamada sen que se teñan que convocar os comicios.
Pereiro Sánchez releva no cargo a Xosé Manuel Vega, que dirixira o órgano colexial dende 2004 e que, á súa vez, substituíra a Xosé María García Palmeiro, decano dende o ano 2000. A nova Xunta de Goberno tomará posesión do seu cargo o 10 de maio. Compóñena, ademais de Pereiro, Manuel Vázquez Sola (vicedecano), Francisco López Iglesias (secretario), Darío Janeiro Pereira (tesoureiro) e Xosé Manuel Rodríguez Durán, Leticia Vilar Pumares, Marcos Mosquera Domínguez, Ana Belén Puñal Rama, Francisco González Sarria, Marcos Sanluis López, Luís Álvarez Pousa e Rosa Aneiros Díaz (vogais).
Xosé Manuel Pereiro (Monforte de Lemos, 1956), licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense, desenvolveu o seu traballo na prensa escrita (Faro de Vigo, La Voz de Galicia), radio (Ondas Galicia, Radio Nacional) e televisión (TVE e TVG), e promoveu proxectos culturais como as revistas La Naval ou Bravú e o portal de internet Bravu.net. Dende 1988 é redactor de TVE en Galiza e dende 1985 correspondente de El País. Actualmente é tamén columnista nese xornal e mais en La Opinión de A Coruña e Faro de Vigo. É autor do libro de textos periodísticos, Si home si, publicado por Xerais, e mantén o blog do mesmo título.