Apuntan á expansión das plantacións de cana de azucre como principal responsábel deste aumento. O crecemento máis significativo rexistrouse na Rexión do Surleste.
Segundo datos do caderno 'Conflitos do campo 2007', presentado esta semana pola Comissão Pastoral da Terra (CPT) no Brasil, o número de traballadores explotados subiu dos 6.930 rexistrados en 2006 aos 8.635 do ano pasado.
O crecemento máis significativo rexistrouse na Rexión Surleste, onde o número de persoas a traballar en situación de escravitude pasou de 279 a 705. A rexión concentra as maiores plantacións de cana de azucre do país, e, de feito, este sector é no que máis violacións da lexislación laboral se producen, segundo a CPT.
"Isto ten a ver claramente co aumento das exportacións de etanol e cana de azucre", dixo o xeólogo da Universidade Federal do Rio de Janeiro (UFRJ) e analista da CPT, Carlos Walter Gonçalves. "A violencia do poder privado, das empresas, está crecendo co aumento da exportación de bens primarios a nivel internacional", completou.
Os poucos liberados e o silencio do goberno
De acordo co informe Conflitos no Campo en 2007, nese ano foron liberados 5.974, case dous milleiros máis que no ano 2006.
Neste sentido, o conselheiro da CPT e ex presidente da comisión, Tomás Balduíno, criticou as tres esferas do Poder Público polo crecemento do traballo escravo. "O Executivo solta verbas para esas empresas. Onde está a PEC (proxecto de emenda á Constitución) que confisca terras de quen emprega man de obra escrava? A xustiza é campioa nas historias a favor do grande e contra o pequeno", afirmou.
Este documento foi presentado no campamento de traballadores rurais montado para o lanzamento da 'Campaña pelo Limite da Propriedade da Terra', no estadio Mané Garrincha, en Brasilia.