Asociacións estadounidenses exixen a renuncia pola súa participación en xuntanzas onde se autorizou a tortura de detidos.
Rice e outros dirixentes autorizaron as torturas
Tres asociacións estadounidense, True Majority, Brave New Films e Democracy for America, anunciaron nun comunicado conxunto o lanzamento da web CondiMustGo.com e dunha campaña de anuncios televisivos para exixir a dimisión da secretaria de Estado, Condoleezza Rice, pola súa participación en reunións en que se autorizou a tortura de detidos.
Xunto a esta, participaron tamén outros altos funcionarios como o vicepresidente Dick Cheney, segundo desvelou a canle de televisión ABC News. Nun principio asegurouse que George Bush quedara á marxe destas xuntanzas, aínda que dous días despois de se coñecer a información, o presidente admitiu estar ao tanto das mesmas e de aprobalas.
A web incluirá unha petición a prol da renuncia e un novo vídeo que documenta como Rice "mentiu ao Congreso e á nación" sobre o uso da tortura. Ademais, os tres grupos solicítanlles aos aspirantes presidenciais que pidan a renuncia da xefa da diplomacia estadounidense.