Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En avión a Faro, tras o compromiso da empresa

Mariñeiros bloqueados en Gabón poderán regresar á casa este xoves

Nove barcos levan un mes inmobilizados no país africano ante a imposibilidade da armadora, andaluza, de pagar o combustíbel.

Axencias - 14:28 15/04/2008

Os oito mariñeiros galegos dos nove barcos que levan dende hai un mes inmobilizados no porto Santo Tomé, en Gabón, poderán regresar ás súas casas esta quinta feira. A compañía armadora, Astipesca, de Huelva (Andalucía) comprometeuse finalmente a pagarlles os billetes de volta ao aeroporto de Faro (Portugal).

Así o confirmou o patrón dun dos nove barcos, o Ontre IV. En declaracións á Radio Galega, Xesús Brión sinalou que tiñan a "esperanza" de poder regresar a Galiza esta semana. Neste mesmo senso tamén se manifestou o presidente da Asociación española de Titulados Náutico-Pesqueiros (Aetinape), Xosé Manuel Muñiz, que dende que tivo coñecemento deste caso -no que están afectados oito mariñeiros do noso país e outros moitos andaluces- estivo a realizar xestións para facilitar a súa repatriación.

Este martes o subdirector xeral de Acción Social do Instituto Social da Mariña, José Manuel Pérez, comunicoulle a Muñiz que a empresa se comprometeu a pagar os billetes de volta á tripulación, despois de estaren un mes inmobilizados no porto de Santo Tomé ante a imposibilidade da armadora andaluza de pagar o combustible aos nove buques para permitir o seu regreso á casa.

Sen alimentos

O deputado nacionalista, Bieito Lobeira, advertiu que a situación "é grave e desesperada mesmo dende o punto de vista humanitario", xa que apenas teñen alimentos para poderen vivir a bordo. Ao respecto, as autoridades da Embaixada española en Gabón comprometéronse a achegar "os víveres e manutención necesaria" se se vivisen casos de necesidade.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: