A colaboración entre as administracións provinciais e autonómica estenderase aos eidos das emerxencias e dos servizos básicos.
Un momento da reunión / Ana Varela
A reunión deste luns entre o presidente da Xunta e os seus homólogos das catro Deputacións Provinciais rematou co compromiso de traspasar as estradas provinciais ao Goberno, desenvolver unha Lei de Emerxencias e mellorar os servizos de saneamento.
Emilio Pérez Touriño, Salvador Fernández Moreda, Xosé Ramón Besteiro, Xosé Luís Baltar e Rafael Louzán acordaron, "nun clima de cordialidade", segundo o presidente da Xunta, formar un grupo de traballo, coa presenza da Fegamp, para analizar que a Xunta poida asumir a xestión das estradas provinciais. Isto acontecerá unha vez se aprobe o Plan de Infraestruturas.
Tamén anunciaron a posta en marcha dunha mesa de estudo para afondar na Lei de Emerxencias e desenvolvela antes das próximas eleccións municipais. En consecuencia, preténdese construír os parques comarcais necesarios e cubrir o territorio mediante consorcios provinciais.
Por parte autonómica, a Consellaría de Medio Ambiente estudará coas deputacións a mellora de servizos básicos como o abastecemento de augas e a recolleita de residuos, para "promover a igualdade no acceso a eses servizos".