Con compromisos programáticos concretos, repiten pacto para A Coruña e inaugúrano en Lugo. Neste último caso, o PSdeG terá a presidencia e o BNG dúas das tres vicepresidencias.
A revisión competencial da actuación dos entes provinciais, especialmente no caso lugués remexendo no que foi a acción de poder do período anterior, PSdeG e BNG coincidiron en que unha das prioridades será "racionalizar" a situación. Deste xeito, tratarán de evitar duplicidades entre administracións e de paso, coordinar a acción de goberno coa Xunta. A vontade de coordinación explicitaríase a curto prazo nunha lei que o Goberno estaría xa preparando e que contemplaría un escenario onde se elaboraría un único plan de obras e servizos onde as administracións complementasen recursos.
Exemplo desa vontade é a recomendación para que os presidentes das deputacións provinciais pasen regularmente polo Parlamento. De xeito paralelo haberá mesmo coordinación de estratexias orzamentarias coa fin de complementar a actuación das diferentes administracións. No mesmo sentido e en favor da "transparencia", outro aspecto que socialistas e nacionalistas quixeron destacar é a aplicación de "criterios obxectivos" á hora de poñer en marcha as políticas de cooperación cos concellos. Do mesmo xeito, prometen dinamizar as accións conxuntas entre municipios veciños para aproveitar sinerxias e mellorar a oferta de servizos para os cidadáns. Nesta mesma liña, apostan por aproveitar para o impulso das áreas metropolitanas.