Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ÁFRICA

Estoupa a violencia en Cimbabue ante unha posíbel segunda volta das eleccións

Seguen sen coñecerse os resultados definitivos do escrutinio, que gañaría o opositor MDC, aínda que sen superar 50% dos votos.

Redacción - 11:15 09/04/2008

A oposición de Cimbabue denunciou que os seus activistas están a ser atacados nunha campaña de "violencia masiva" dende o día das eleccións. Até agora, o proceso electoral fora relativamente pacífico. Entre tanto, un xuíz admitiu a trámite unha petición da oposición para que se dean a coñecer os resultados das eleccións presidenciais, que xa foron o mes pasado.

Segundo a oposición, a violencia ten como pretensión intimidar os votantes rurais de cara a unha previsíbel votación de desempate. Proxeccións independentes indican que o líder da oposición, Morgan Tsvangirai, foi o gañador das eleccións, pero sen acadar o 50% dos votos precisos para gañar en primeira volta. O seu Movemento para o Cambio Democrático (MDC) asegura que sacou o 50,3% e que debe ser declarado vencedor.

O Zanu-PF, do presidente Robert Mugabe, solicitou un reconto dos votos, mentres a Policía arrestou cando menos sete oficiais electorais, acusados de desbotar votos a favor do líder cimbabués. Mentres, as informacións sobre violencia coinciden coa invasión de granxas propiedade de brancos por autonomeados "veteranos de guerra".


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: