En menos dun século desaparecerán máis da metade das 7 mil que se falan no mundo.
En colaboración con Living Tongues, instituto a prol das linguas en perigo, a publicación National Geographic está a realizar un proxecto de documentación, o Enduring Voices Project, para identificar os lugares do mundo onde a situación é máis crítica.
Cada 14 días, apuntan, unha lingua morre. Segundo este dato, calculan que para 2010 probabelmente desaparecerán máis da metade das 7 mil que se falan no mundo -algunhas sen testemuña escrita ou audiovisual ningunha- e con elas a sabedoría acumulada dos seus pobos.
O proxecto de National Geographic, ademais de identificar os puntos críticos, traballa en plans de revitalización destas linguas que esmorecen, como por exemplo a implantación de programas de aprendizaxe para os cativos en idade escolar.
Porén, afirman que o éxito destes plans depende do grao de implicación dos estados. Así, salientan como positivo o traballo feito co hawaiano, co maorí e co hebreo, e avogan polo uso das novas tecnoloxías para acadar resultados máis positivos.