Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
O EMPEÑO DOS FRANCESES DEBE PRESIONAR AO GOBERNO COLOMBIANO E NON ÁS FARC

FARC descartan novamente a posíbel liberación de Ingrid sen un despexe militar

As Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Ejército del Pueblo (Farc-Ep) insistiron en que non é posíbel un acordo pola liberación de Ingrid Betancourt se o goberno de Álvaro Uribe non accede ao despexe militar, e recomendáronlle ao Estado francés que esixa a Colombia e a EUA para que "accedan a liberar sen prerrogativas a guerrilleiros e políticos de esquerda", segundo a Agencia Bolivariana de Prensa (ABP).

Xurxo Martínez Crespo - 10:11 08/04/2008

Unha nota publicada onte luns pola Agencia Bolivariana de Prensa (ABP), das Farc-Ep, sinala que "o goberno francés debería con igual ou maior esmero, procurar que a Casa de Nariño (sede do Goberno colombiano) non persista nos seus inamovíbeis e demostre verdadeira vontade para o intercambio humanitario".

O texto, titulado "Dar y recibir, es la lógica de todo cambio", afirma que despois do ataque do primeiro de marzo no que foi asasinado o líder guerrilleiro Raúl Reyes, "o executivo deste país e a clase política reaccionaria, chaman cínicamente ás Farc para que procedan con outras liberacións de reféns".

Para as Farc-Ep, o goberno colombiano fai esta esixencia "cuspindo sobre o cadáver da principal canle interlocutora que había entre a comunidade internacional e a insurxencia fariana, con relación ao tema do Intercambio Humanitario de prisioneiros".

Ao referirse á misión sanitaria enviada polo goberno francés para intentar atender á ex candidata presidencial franco-colombiana Ingrid Betancourt, as Farc indican que "antes que helicópteros listos para atender a saúde dos reféns e preparar o seu traslado, deberían facer os esforzos pertinentes para que o goberno en Washington e Bogotá accedan a liberar sen prerrogativas a guerrilleiros e políticos de esquerda presos" en Colombia e en EUA.

"Sarkozy debe utilizar os seus amplos contactos cos estadounidenses, que son os que financian e atizan a guerra en Colombia, para que non sigan impedindo o regreso a casa tanto dos políticos e militares en poder das Farc como daqueles que se atopan nos cárceres do réxime", finaliza a nota difundida pola Agencia Bolivariana de Noticias.


3/5 (2 votos)