A rede converteuse no punto de encontro das persoas que queren interromper o percorrido do facho olímpico para protestar polo réxime chinés. Este luns, en París, conseguiron que o lume se apagase por uns momentos, preto da torre Eiffel. O seguimento en directo do percorrido do facho, como está a facer o xornal francés Libération, ou en Google Maps e Google Earth, está a facilitar o labor de coñecer o lugar exacto para poder interceptar a deostada lapa olímpica desta edición.
Pouco despois de comezar o percorrido do facho pola capital francesa, as protestas contra o desfile, que foron reprimidas con contundencia, obrigaron á organización a apagar o lume "por motivos técnicos" e a efectuar o resto do percorrido en autobús, nun traxecto diferente ao orixinal.
A campaña internacional contra a celebración dos Xogos Olímpicos en Beixín está liderada, entre outras, pola web
Lose the propaganda. Share the truth (que perda a propaganda, comparte a verdade) que remeda o deseño e o lema da oficial chinesa,
Light the passion. Share the dream (encende a paixón, comparte o soño).
Ademais, son variadas as motivacións das protestas contra a China: contra a ocupación do Tíbet, como a devandita páxina, ou contra a censura e a falta de liberdade de información, como está a promover
Reporteiros sen fronteiras. As redes sociais, como a cada vez máis popular
Facebook, tamén teñen en marcha campañas de boicot aos Xogos Olímpicos, que conviven con outros grupos a favor da liña oficial chinesa.
Sinais de "apertura"
Quizais para dar mostra dun certo aperturismo, o goberno Chinés está a dar algúns pasos levantando prohibicións de acceso á información dende o país asiático. O seu último movemento, máis simbólico ca outra cousa, é permitirlles aos cidadáns chineses acceder á
Wikipedia en inglés. Porén artigos 'polémicos', como o referido ao Tíbet ou á praza de Tiananmen, seguen prohibidos, igual ca a versión en mandarín da enciclopedia libre.