Nota de prensa da Rede A Ría Non Se Vende sobre as pretensións da Autoridade Portuaria para a ampliación do porto de Vigo, realizando mais de 230.000 m2 de novos recheos, son o proxecto dun atentado ecolóxico.
A cobiza do Porto non ten límite: teñen máis de dous millóns de m2 de recheos e din que precisan aínda máis para ser competitivos. E iso só até o ano 2015. ¿E despois que? ¿Seguirán aterrando a Ría até convertela nun canle portuario?
No espazo portuario da Ría de Vigo hai na actualidade 960 concesións que, na maior parte dos casos, non deberían existir. Tiveron a súa orixe na necesidade de suplir, ao longo dos últimos 25 anos, a carencia de solo industrial. Un problema derivado da falta dunha mínima ordenación do territorio.
Isto converteu a nosa costa nun improvisado e desastroso polígono industrial. Lonxe de intentar solucionalo vólvese á chapuza e á improvisación. Este é o único porto de "Interés General", dos 14 que existen no Estado, que aínda carece do Plan de Utilización de Espazos (PUEP), funcionando aos impulsos do último que chega, sen unha mínima
ordenación e sen perspectiva estimada de tela.
Se agora é necesario (segundo ese suposto imperativo do crecemento permanente) gañar espazo para o porto, a medida máis adecuada sería retirar do litoral todas esas naves e industrias que non están relacionadas coa actividade portuaria, rescatar esas concesións que foron feitas, moitas veces, de xeito ilegal, incumprindo sistematicamente o artigo 32.1 da Lei de Costas. Retirando, por exemplo, as enormes naves de oficinas coas que Zona Franca "adorna" o recheo de Bouzas. Almacenando os coches noutro lugar, xa que estes só precisan pasar polo porto no momento do embarque ou desembarco e non estar permanentemente alí.
O Porto debe ser un lugar de paso de mercadorías non un almacén.
No porto de Vigo hai espazo dabondo ao longo dos dez Km. de instalacións portuarias, desde Bouzas a Rande. Só hai que sacar de alí o que alí non ten que estar. O porto de Leixões en Portugal, coa metade de superficie, move o dobre de contedores. O de Saint Nazaire, en Franza, especializado no tráfico de vehículos, non ten superficie ningunha dedicada ao seu almacenamento e funciona perfectamente.
Tamén se fala neste proxecto de liberar zonas portuarias para a cidade...
Nós pensamos que a Autoridade Portuaria debería utilizar ben os metros cadrados dos que dispón actualmente, reordenar realmente o porto, aproveitar adecuadamente os seus recursos e non estragar a nosa fonte de riqueza máis importante, o noso principal recurso natural, que é a Ría.
A Autoridade Portuaria confunde os intereses das multinacionais cos intereses da cidade, e nunca lles vai chegar o espazo que teñen. O seu progreso é a nosa ruína, están a hipotecar a vida das xeracións futuras.
Están ao servizo das grandes empresas privadas, cuxo único fin é obter o maior lucro posible, e que non dubidarán en pechar as súas portas (abandonando traballadores e traballadoras, peiraos e recheos) cando conveña aos seus intereses.
Esta Ría constitúe un dos ecosistemas con máis produción biolóxica do mundo, e en vez de aproveitar esta característica, (que si proporciona postos de traballo e riqueza) dedícanse a enchela de formigón.
Lembremos, por exemplo, que no lugar onde hoxe está o macro-recheo de Bouzas, atopábase o banco de ameixa mais productivo de toda a Ría, pasando de producir 940 toneladas no 1967 a tan só unha no 1986.
Especulación e privatización en Cangas.
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria ven de conceder outra prórroga de 22 meses máis á promotora do maior proxecto especulativo de Cangas, para que poda construír o seu elitista porto deportivo en Massó, asociado a unha urbanización de luxo.
Este proxecto, que é rexeitado polo pobo de Cangas, foi paralizado ao longo dos dous últimos anos pola mobilización cidadán. Un mar de ilegalidades rodea todo este asunto, con varios procesos abertos en distintos xulgados e tribunais. Nada disto parece importar á APV cando prorroga o prazo de execución. E moito menos lle importa que se trate dun espazo protexido, nin a gran riqueza ecolóxica, pesqueira e marisqueira daquel lugar.
Rede Natura 2000
Tampouco a Enseada de San Simón, incluída na Rede Natura 2000, se libra do furor portuario. En Punta Chapelisa e no antigo cargadeiro de mineral preténdense construír metros e metros cadrados de recheos e instalacións en terra. Nada parece poder deter este afán depredador do mar e da terra, nin a mesma lexislación europea.
A Autoridade Portuaria é un cancro para o Mar de Vigo e para todos os municipios da comarca, un cancro que se irá estendendo, se non se lle pon límite, até acabar definitivamente coa Ría.
NON AOS RECHEOS NA RÍA
NON Á ESPECULACIÓN E Á PRIVATIZACIÓN DO MAR