Ademais, perderá os seus dereitos políticos durante un ano.
Hu Jia
O disidente chinés Hu Jia, un dos principais críticos co goberno antes dos Xogos Olímpicos de Beixín, foi condenado esta quinta feira a tres anos e medio de prisión e a un ano de privación dos seus dereitos políticos por subversión, informan as axencias.
"A proba condenatoria foi a publicación de artigos dentro e fóra de China, e aceptar entrevistas coa prensa estranxeira", sinalou un dos seus avogados. Durante o xuízo, o pasado 18 de marzo, o acusado declarouse inocente do cargo de "incitación á subversión", dixo o letrado, que apelará a decisión.
Pola súa banda, o goberno negou que se intensificase a represión contra os críticos antes das Olimpíadas. "Non podemos aceptar esta acusación. China é un país de leis. Todos son iguais ante a lei, non é posíbel deixar de aplicar a lei por mor dos Xogos Olímpicos", declarou a voceira do Ministerio de Exteriores chinés, Jiang Yu.
Segunda condena en dez días
Detido o 27 de decembro, cando xa estaba baixo arresto domiciliario, Hu Jia denunciara en varias ocasións que Beixín non estaba a cumprir cos compromisos a prol dos dereitos humanos que adoptou para lograr a organización das Olimpíadas de 2008.
Esta é a segunda condena de prisión para un opoñente ao goberno chinés en dez días. O 24 de marzo foi condenado a cinco anos de cadea Yang Chunlin, que difundiu unha carta aberta baixo a máxima Queremos dereitos humanos, non os Xogos Olímpicos.