Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ADVERTENCIA

O risco sísmico aumentará ao asolagar as minas d'As Pontes e Meirama

Adega exixe que a Xunta volva facer estudos de impacto que valoren estas posíbeis consecuencias.

Redacción - 19:00 01/04/2008

Adega organizou este martes unha conferencia de prensa en Santiago para denunciar que os plans para encher as concas mineiras das Pontes e de Meirama (Cerceda) poden traer canda si graves problemas medioambiental e incluso catástrofes. A organización ecoloxista convidou ao acto ao profesor da UDC Xoán Ramón Vidal Romaní, que dirixe o Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal. Vidal Romaní salientou que os plans para encher as antigas explotacións mineiras de auga poden incrementar os riscos sísmicos nas dúas zonas. Este experto lembrou que tanto en Meirama como nas Pontes hai dúas fallas activas: “encher cunha profundidade de 200 metros a explotación de Endesa (en referencia á conca das Pontes) supón unha presión hidrostática terríbel”.

Vidal Romaní dixo que a actividade sísmica en Galiza nos últimos anos xa era considerábel. O director do Instituto Universitario de Xeoloxía subliñou que hai estudos nos últimos anos que fan fincapé na sismicidade das zonas das Pontes e Meirama. A respecto da primeira localidade, Vidal Romaní lembrou que no século IV antes de Cristo se rexistrou un terremoto de magnitude 9. O director do Instituto Universitario dixo que “eu son funcionario da UDC e como tal teño a obriga de poñer isto en coñecemento da Administración”.

Na conferencia de prensa tamén interveu a paleontóloga Aurora Grandal, que tamén pertence ao Instituto Universitario de Xeoloxía. Esta especialista denunciou que se se asolaga unha conca como a das Pontes sería “unha perda irreparábel de materiais fósiles irrepetíbeis”.

O catedrático de Bioloxía Ramón Varela afirmou que tanto Endesa nas Pontes como Unión Fenosa en Meirama buscan a solución máis fácil e económica. Varela pide que a Xunta revise a concesión de licenza ambiental nas Pontes e que non chegue a concederse a de Meirama.


4,76/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: