Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Escaso apoio aos cazadores

Apenas 200 grovenses saen á rúa en defensa do campionato de tiro ao pombiño

Acitividade que vai en contra da Lei, polo uso de chumbo nun humedal protexido.

Redacción - 10:34 01/04/2008
Tags:

O Grove A sociedade grovense ofreceu onte un reducido apoio á concentración convocada polos colectivos que defenden a pervivencia do tiro ao pombiño na illa da Toxa, xa que apenas acudiron dous centenares de persoas, segundo os datos que manexaba a Policía Local do Grove cando, en teoría, a súa desaparición suporía un prexuízo económico que afectaría a un maior número de postos de traballo e empresas.

Mentres que o seu mantemento, supón a merma da riqueza biolóxica que mantén a enseada do Bao (onde caen os perdigóns de chumbo, munición que xa estaba prohibida en humidais protexidos coma este, e confirmada pola recente Lei de Conservación do Patrimonio Natural.


Xa no seu momento, estes campionatos, foron motivo de mobilización dos grupos ambientalista galegos ao non cumprir a Lei, e poñendo en perigo unha das xoias ambientais galegas. Agora lles toca aos que so lles interesan s cartos.

A concentración ante o Concello do Grove estaba prevista para as 21 horas, pero tivo que comezar con certo atraso debido a que, neses momentos, estábase celebrando unha sesión plenaria na casa consistorial. A organización esperaba que os grupos políticos unísense á súa reivindicación, aínda que a extensión da sesión impediu que se rexistrase esa foto.

Non houbo consignas nin berros de ningún tipo, só a lectura dun manifesto do que se encargou a presidenta de Emgrobes, Dores Vázquez, elixida para tal efecto polos colectivos que defenden a pervivencia dunha actividade que deixa cada ano no Grove uns tres millóns de euros. Entre os concentrados tamén se atopaban representantes do Centro de Iniciativas Turísticas, da Asociación de Hostalería e de Hesperia, a empresa que organiza as tiradas, así como bastantes caras coñecidas da política local como Paula Janza ou José Carlos Álvarez Guillán.

Sen resposta
No manifesto recordouse que a iniciativa non pide un campo de tiro de forma permanente "senón para un momento puntual nunha data determinada, o cal supón unha importante fonte de ingresos para varios sectores, así como unha cifra considerable de postos de traballo que se poden perder". Lamentan os colectivos que defenden as tiradas que, a pesar de cumprir coas medidas correctoras que lles esixiu a Xunta de Galicia o pasado ano "non se recibiu resposta en 2008 á proposta, permitindo que se acabase o prazo" para solicitar a celebración na Toxa desta actividade.

Emgrobes, CIT e Hostalería continúan recollendo firmas por todo O Grove, unha iniciativa que está sendo mellor acollida polos veciños do municipio, xa que acumulan un total de 1.500 rúbricas que remitirán ás administracións competentes co fin de presionar para evitar a desaparición dun evento que se celebra a principios do mes de xullo, cando aínda non comezou a verdadeira campaña de verán para os hostaleiros grovenses. O obxectivo é alcanzar os 2.000 apoios.

A pesar das protestas, Medio Ambiente mostrouse moi claro respecto diso, pondo como condición indispensable que nas tiradas non se utilice chumbo, material que pode alcanzar o espazo Rede Natura 2000, contaminándoo. O método utilizado o pasado ano, a instalación de barreiras, non evitou que o chumbo alcanzase o espazo protexido, motivo polo que se abriu un expediente sancionador á organización.

Tamén a Subdelegación do Goberno esixe medidas de seguridade adecuadas, das que o recinto da Toxa carecería.

A todas estas trabas únese que a Federación Española de Tiro contempla no seu calendario oficial para este ano a celebración dun campionato de tiro en Elxe, coincidindo coas datas sinaladas para celebrar o da Toxa.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: