Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Promovido por caixanova e a Deputación de Pontevedra

Luita Verde denuncia que un campionato de trial, afecta á Rede natura no Morrazo

Luita Verde e Amig@s do Morrazo Verde denunciaron formalmente e por escrito ante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a instalación de parte do circuito de saltos nas proximidades de Menduíña, na parroquia de Aldán do concello de Cangas, dentro da zona protexida do Lugar de Importancia Comunitario (LIC) de Udra, da Rede Natura, con motivo da celebración o pasado domingo 16 de marzo do campeonato galego de trial organizado pola Federación Galega de Motociclismo e a colaboración da Fundación Deporte Galego, a Consellería de Cultura e Deporte, a Diputación de Pontevedra e  Caixanova, solicitando a apertura dun expediente sancionador e que se prohiba a celebración deste tipo de eventos no futuro para que non se volte a repetir o sucedido, como tamén a circulación de vehículos motorizados polo citado LIC de Udra, do que temos constancia que está a ser unha costume ó longo do ano.

Luita verde - 17:35 21/03/2008

Nesa zona foron instaladas dúas zonas acotadas de saltos, unha delas en pleno cantil, máis outra zona de travesía de circuito polas proximidades da praia de Lagoelas, tamén dentro da área protexida do LIC citado, onde ducias de motocicletas e algúns quads afectaron á vexetación, o solo e a estructura lítica dos penedos, como asimesmo provocaron contaminación acústica e atmosférica e masificación humana infrinxindo en toda a regra a Directiva 92/43/CEE (Directiva Hábitats), relativa a la conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, nun espazo natural onde ademáis existen varias especies de fauna e flora de interese comunitario.

En representación dos colectivos o sábado 15 pola tarde se lle informou do asunto ó concellal de medio ambiente de Cangas, Tomás Abalde, para que mediara na solución do problema, e se eliminara da proba as zonas de salto que invadían a Rede Natura, instándoselle que de non ser así nos veríamos na obriga de denuncialo. O domingo pola mañá ante a ausencia de resposta e intermediación por parte do edil fixemos senllas denuncias no SEPRONA.

Este lamentable suceso dentro da zona protexida vense sumar nos últimos anos no mesmo LIC a outros como a celebración de eventos musicais cargados de decibelios con acampadas e excesiva afluencia humana, apertura de pistas e aparcamentos de vehículos motorizados, verquidos de lixo, a corta indiscriminada de mato costeiro, etc. ven demostrar a falla de ordenamento por parte da Xunta de Galicia e por derivación do Estado Español deste LIC de Udra, que ó igual que a maioría dos espazos naturais aprobados galegos pola UE o 7 de decembro de 2004 como LIC na súa lista da rexión bioxeográfica atlántica (na península do Morrazo tamén existen os LIC de Costa da Vela e Enseada de San Simón) carece dos correspondentes Plan de Ordeación dos Recursos Naturais (P.O.R.N.) e Plan Rector de Uso e Xestión (P.R.U.X.)  por ser Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e por formar parte da Rede Natura, respectivamente.

Para rematar queremos destacar que os excepcionais valores ecolóxicos e paisaxísticos dos espazos naturais protexidos da Rede Natura, coma o de Udra, non deben ser utilizados como reclamo turístico, socio-cultural ou deportivo para eventos coma os antes citados, xa que van provocar o efecto contrario no medio natural debido o fráxil equilibrio dos seus biotopos, fauna e flora salvaxes, polos efectos molestos e nocivos que conlevan ao mesmo, como os antes citados. Esas actividades teñen que levarse a cabo fóra dos espazos Rede Natura, e por engadido do seu perímetro de tampón nas proximidades, como espazo de transición.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: