O equipo ciclista profesional galego destacou de entre os dezanove participantes (entre eles, doce do circuíto Pro Tour).
David Herrero foi sexto e Gustavo César Veloso oitavo (sexto na contrarreloxo final) no Criterium International; ámbolos dous corredores déronlle ao equipo galego o quinto posto na xeral final. A vitoria absoluta foi para o alemán Jens Voigt (CSC), que superou en 57 segundos ao seu compañeiro de equipo Gustav Larson e a Luís León Sánchez (Caisse D'Epargne).
Segundo contan dende o equipo profesional galego, os corredores do KGZ seguen a cumprir neste comezo de tempada nas carreiras internacionais dun xeito moi destacábel, así como o fixeron no Tour de Langwaki (a primeira competición internacional), de onde trouxeron un terceiro posto, conquistado por Veloso.
Pasando a fin de semana por terras de Llodio
O KGZ tamén estivo esta fin de semana no Gran Premio de Llodio, disputado en terras alavesas sobre 175,5 quilómetros de percorrido. Alí Mosquera volveu confirmar o bo momento no que se atopa, chegando á meta nun reducido grupo de cabeza de catorce corredores que perseguía a Héctor Guerra (Liberty Seguros), aínda que a súa debilidade no sprint non lle deixou pasar ao décimo quinto posto final.
Na proba tamén participaron outros corredores galegos que, militando en varios equipos españois e portugueses, conseguiron facerse ver. Entre eles Enrique Salgueiro, do Extremadura, que foi oitavo; e David Blanco, do Palmeiras Resort, que foi décimo terceiro.