Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ERRADICACIÓN DO CHABOLISMO

Quintana anuncia un plan para mellorar os procesos de integración do colectivo xitano

Vicepresidencia propón realoxamentos en pobodados provisionais e plans reinsercións individualizadas para as familias.

Redacción - 19:40 26/03/2008

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou este mércores no Parlamento un plan de actuación para os procesos de integración do pobo xitano en Galiza. Quintana propón que en cada concello onde se estean a dar procesos de integración se cree unha comisión na que estean presentes representantes do consistorio, da Xunta, do Estado, do colectivo xitano e das asociacións veciñais.

A Vicepresidencia propón tres pasos para lograr unha inclusión con garantías: a construción de poboados de transición, os programas individualizados de integración e a participación e integración cidadá nos procesos de realoxo. Con respecto á construción de vivendas provisionais, dende o departamento que dirixe Quintana aseguran que buscan aloxar en condicións dignas a todas aquelas familias con vontade de integrarse. Os poboados provisionais contarán con presenza policial permanente para protexer ás familias que queiran reinsertarse de situacións de delincuencia que poidan xurdir.

O segundo paso buscará a integración individualizada das familias, que terán o apoio permanente de persoal de servizos sociais. Quintana asegurou no Parlamento que é preciso apoiar plenamente a integración pero tamén advertiu que todos “tanto paios como xitanos” tamén teñen obrigas, polo que quedarán excluídos do proceso as persoas con problemas de orde cívico. No terceiro paso, o vicepresidente avogou pola participación veciñal para que esta integración sexa unha realidade e non un motivo de confrontación.

Igualdade real
Quintana sinalou que o obxectivo do Goberno é “conseguir un país con igualdade de oportunidades reais e unha cidadanía cívica, tolerante e aberta, nas que todos temos dereitos e obrigas, así nos chamemos Carballo, Outeiriño, Jiménez ou Montoya”.

Segundo o político nacionalista, a Xunta ten deseñado políticas de atención cara ao colectivo xitano “sen precedentes”. Lembrou que en Galiza hai máis de dez mil persoas de etnia xitana, das que perto dun terzo vive en asentamentos chabolistas.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: