Tras un século de monarquía absoluta, os habitantes da Terra do Dragón finalizan o proceso iniciado en decembro para decidir goberno.
Mapa de Druk Yul
Druk Yul (Terra do Dragón) -tal e como lle chaman os seus habitantes- ou Buthan (Terras Altas ou Fin do Himalaia) -nome oficial dende o século XIX- puxo fin este luns a un século de monarquía absoluta coa elección dos seus representantes parlamentarios.
Arredor de 318.000 habitantes estaban chamados ás urnas para elixir os 47 deputados da cámara baixa. Unha primeira consulta electoral tivo lugar a finais de decembro para designar os membros da cámara alta. Os resultados oficiais serán coñecidos o martes, informan as axencias internacionais.
Dúas formacións políticas están en liza, o Partido Democrático do Pobo e o Partido Unificado. Ambos os dous partidos prometeron mellorar o crecemento económico e desenvolver as infraestruturas deste país de 670.000 habitantes, illado entre a China e a India e que nunca foi colonizado.
Iniciativa da familia real
Os comicios son a culminación dunha iniciativa da familia real para transformar o país nunha monarquía constitucional, impulsada polo anterior rei, Jigme Singye Wangchuck, que en decembro de 2006 abdicou en favor do seu fillo, Jigme Khesar Namgyel Wangchuck, de 26 anos, educado en Oxford.
Meses antes, en abril, o rei Gyanendra do Nepal -outro pequeno reino do Himalaia- viuse practicamente privado de poderes despois de que unha serie de grandes manifestacións democráticas o obrigasen a pórlle fin ao absolutismo.