Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Manifestación Nacional pola Lingua

'Polo dereito a vivirmos en galego'

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca a toda a cidadanía, "mesmo a aqueles que non o usan habitualmente", a reivindicar o uso "do único idioma natural de Galiza".

Redacción - 12:14 24/03/2008
A manifestación está convocada para o 18 de maio

A manifestación está convocada para o 18 de maio

A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou este luns en rolda de prensa a convocatoria dunha mobilización reivindicativa "especial" do uso do galego con motivo do Día das Letras deste ano. Concretamente, un día despois, o domingo 18 de maio, unha Manifestación Nacional pola Lingua percorrerá as rúas de Compostela baixo lema Polo dereito a vivirmos en galego.

A excepcionalidade débese, segundo Susana Romero, membro da directiva da Mesa, á situación de acoso que está a vivir a lingua do noso país nos últimos tempos, cun "recorte diario de dereitos" dos galegofalantes. Romero salientou o lema elixido, porque "é aberto". Neste senso chamou a participar na manifestación tamén "aos que habitualmente non o usan".

Implicación dos concellos

Fran Rei, responsábel de zonas e de mocidade da Mesa, fixo un chamamento "a todo o tecido asociativo de Galiza" a participar na mobilización: "organizacións políticas, sindicais, culturais, veciñais", e especialmente as vinculadas co ensino tal como asociacións de nais e pais e consellos escolares.

Mais, sobre todo, incidiu na necesidade de que os concellos do país se impliquen, cos que a Mesa ten previsto pórse en contacto para solicitar o seu apoio. Ademais, anunciou que o vindeiro sábado, a Mesa aprobará o manifesto "breve e contundente" que será lido ao finalizar a marcha do 18 de maio na capital.

O galego, "elemento de unión"

Por último, o presidente da Mesa, Carlos Callón, enumerou os tres principais obxectivos da Manifestación Nacional pola Lingua: que "os poderes públicos cumpran coa lexislación"; que se "garanta o dereito a vivir en galego en todos os ámbitos da vida diaria"; e que se recoñeza o que "xa está recollido no Estatuto", que "o galego é o único idioma natural de Galiza".

Callón tamén animou aos que non usan diariamente a lingua galega, "mais que a senten como propia, como un elemento de unión", a participaren na marcha.

"Discurso cínico do PP"

Ademais, criticou "a escandaleira e o discurso cínico do PP" que se opón ao Decreto do galego no ensino en Galiza, mais que "aproba un case idéntico nas Baleares".

Respecto aos que consideran que o castelán é o que está a ser atacado, Callón sinalou que "calquera persoa é consciente de que non se pode vivir en galego no día a día; convidámolos a que o intenten facer durante 24 ou 48 horas para que o comproben".


4,72/5 (53 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: