Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Tes sede?"

Máis de mil millóns de persoas non poden beber un vaso de auga

ONGs de todo o mundo critican no Día Mundial da Auga a falta de iniciativas políticas fronte ao problema.

Redacción - Canal Solidario - 12:30 20/03/2008

Con motivo da celebración, este 20 de marzo, do Día Mundial da auga, varias ONG denunciaron que aínda hai mil millóns de persoas no mundo que carecen de acceso ao auga potábel, mentres máis do dobre (2.600 millóns) non dispón dos servizos básicos de saneamento. Os máis prexudicados, como sempre, as mulleres e os nenos.

"Cando a muller non pode exercer o seu dereito á auga, está tamén vendo negados gran parte dos seus dereitos como ser humano como a saúde ou a educación, e estase contribuíndo de forma determinante á feminización da pobreza", denuncian desde Mans Unidas.

Na mesma liña, Cruz Vermella Española denunciou que cada 15 segundos morre un neno dalgunha enfermidade causada por esta falta de acceso a auga potábel, ao saneamento inadecuado ou á hixiene precaria, sendo a diarrea a súa principal causa de morte.

Enxeñería Sen Fronteiras (ISF) tamén aproveitou para reclamarlle ao goberno español compromisos políticos para acabar coa falta de acceso a auga e saneamento por mor da súa participación na creación dun novo Fondo de Auga en Iberoamérica.

A ONG tamén presentou un novo espazo web que mostra as actividades e proxectos relacionados con auga e sustentabilidade, e contén diversos documentos e relatorios sobre cooperación para o desenvolvemento en auga e outros espazos como unha guía de consellos para lograr que os medios informen correctamente sobre os motivos da ausencia de auga en diversos países en vías de desenvolvemento. Ademais, durante este 20 de marzo ISF realiza diversas accións reivindicativas en diferentes cidades do Estado español.

Acción contra a Fame recordou que o saneamento converteuse nun problema social, económico (a Organización Mundial da Saúde estima que reducir á metade o número de persoas sen saneamento suporía unha ganancia de 66.000 millóns de dólares), de xénero e ambiental (50 dos 421 ríos de Filipinas xa non poden albergar vida) que traspasa as fronteiras.

Ademais de reivindicar apostas decididas dos gobernos do Norte e do Sur para investir en saneamento, as ONG demandan solucións sinxelas e rápidas de pór en marcha como latrinas secas ou aboneiras, porque só co control de excretas e augas residuais ou a xestión de residuos poderían evitarse millóns de mortes por diarrea cada ano, tal e como explican desde Acción contra a Fame.

Presas subterráneas
Mans Unidas presentou o seu proxecto de construción dunha presa subterránea en Eritrea. A presa subterránea aproveita as augas do río Bogú e abastecerá de auga os habitantes desta cidade e das aldeas próximas, e favorecerá o regadío dos campos de cultivo da rexión, caracterizada por soportar prolongados períodos de seca, beneficiando a preto de 41.000 persoas.

"A malnutrición derivada da falta de auga, que afecta o 35 por cento da poboación (a taxa aumenta ao 50 por cento nos nenos menores de 5 anos), é a peor secuela á que han de enfrontarse os habitantes de Hagaz. A iso hai que sumar a proliferación de enfermidades comúns e endémicas do país como a diarrea, a anemia, as infeccións respiratorias ou o sarampelo, que afecta, sobre todo, a nenos e mulleres", explican desde a entidade.

Tal e como explica a ONG as presas subterráneas poden ser unha solución en determinadas comunidades de África e Latinoamérica. Pero tamén, máis cerca atopamos experiencias locais que tratan de aproveitar a auga subterránea para facerlle fronte á seca. O Concello de Sant Cugat do Vallès, en Barcelona, endureceu a normativa para o aforro de auga e impuxo oito medidas entre as que destacan a utilización da auga subterránea, a obriga de aplicar xardinaría de baixo custo hídrico, a sinalización das tubaxes de augas grises e a obriga de realizar o mantemento de todos os sistemas de aforro de auga instalados durante dous anos.

Ciclismo potable
Responde ás demandas das ONG, é sinxela e efectiva, e xa deu a volta á Rede a través dos bloguers e as webs das entidades ecoloxistas. O triciclo "Aquaduct" parece ser unha idea "redonda" para dar solución aos problemas de transporte e purificación de auga de familias en países en vías de desenvolvemento.

O triciclo ten na súa parte traseira un estanque que pode suplir as necesidades de auga dunha familia enteira por un día e mentres se pedalea, a auga do estanque é empuxada a través dun filtro cara a un recipiente "limpo" situado na parte dianteira do vehículo.

Os seus creadores, explican que, ademais, co uso do filtro, faise innecesario que a xente ferva a auga para facela potábel, evitándose así tamén a tala de árbores para o seu uso como leña. Pero un dos maiores beneficios que comporta esta peculiar bicicleta é a comodidade e rapidez para transportar a auga, xa que en moitos países africanos esta tarefa realízase en botellas plásticas e as persoas deben viaxar polo menos 5 quilómetros diarios para atopala. Non perdan o vídeo explicativo!



Tribuna da auga
Tamén con motivo da xornada do 20 de marzo, desde o espazo da ExpoZaragoza puxeron en marcha a "Tribuna da auga". Trátase dun espazo intelectual e científico en materia de auga e desenvolvemento sostíbel que perdurará máis aló do certame.

Para os seus responsábeis o propósito é claro: "Xerar un sólido legado que contribúa a superar as limitacións actuais en materia de auga, baixo un enfoque renovado con maior apego á relación do ser humano e as comunidades coa auga e o desenvolvemento sostíbel".

A partir do mes de xuño un bo número de debates, mesas redondas e talleres celebraranse ao redor desta tribuna.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: