Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Lexislatura clave para a Cámara Alta

Cara ao Senado: de apaño para equilibrios internos á reforma pendente

Confirmado que o PP non lle moverá o sillón a Manuel Fraga, o ex deputado do PSdeG Xavier Carro e o voceiro do BNG na Deputación de Ourense, Xosé Manuel Pérez Bouza, son os outros candidatos por "designación autonómica".

R.N - 14:00 17/03/2008

A lexislatura que comeza podería marcar un punto de inflexión para o Senado. Exemplo do escaso protagonismo político que veu ofrecendo a Cámara Alta son os propios criterios que as formacións políticas aplicaron habitualmente para a escolla dos candidatos. Gañar asento no Senado significou en moitos casos perda de poder a nivel interno, chanzo previo á desaparición da primeira liña política ou concesión secundaria para manter os equilibrios internos do grupo político correspondente.

Neste escenario, o treito de catro anos que se abre desde o pasado 9 de marzo concede outra oportunidade para a prometida e demandada reforma desta Cámara. Algúns factores poderían axudar a que isto aconteza. Dunha parte están as reiteradas referencias desde diversas formacións políticas á necesidade de que esa reforma se leve a cabo. Con este contexto, a ausencia dunha maioría absoluta e o xogo de pactos que se abrirá, ofrecería marxe negociador para meterlle man ao tema. No ámbito do PSOE, os reforzados socialistas cataláns xa subliñaron o seu interese en que se leve a cabo a reforma do Senado en breve prazo. No caso do PP, tería unha boa oportunidade para volver ao rego do diálogo e a procura dun consenso posíbel. Por outra parte, as forzas de Galeuscat (BNG, PNV e CiU) xa salientaron que entre as prioridades que van poñer na mesa á hora de negociar cos socialistas estará esta reforma pendente.

Última faragulla pendente: os tres senadores "por designación autonómica"
Con 85 anos, Manuel Fraga manterá, se el non decide outra cousa, o asento que xa tivo no Senado desde a súa saída da política galega. E iso parece que será así malia o problema que a nivel interno implica para o PPdeG, que pretendía manter no Senado a Manuel Cabezas e que teima así na rifa con PSdeG e BNG na arela dun escano máis dos que proporcionalmente lle corresponden.

No que lle toca ao PSdeG, é Xavier Carro, quen fora deputado no Congreso na anterior lexislatura, o candidato proposto para o Senado. Carro fora o 9M o cuarto da lista dos socialistas pola Coruña, asento que o PSOE perdeu na provincia despois da redución dun deputado por descenso demográfico nesta circunscrición. Anteriormente, os socialistas manexaran tamén a posibilidade de que fose Manuel Lagares, ex alcalde de Betanzos, o que ocupase ese posto.

O BNG confirmou para o cargo a Xosé Manuel Pérez Bouza, quen fixo labores de voceiro na Deputación de Ourense. Pérez Bouza foi un dos protagonistas nos últimos tempos da presión opositora sobre o popular Xosé Luís Baltar no ente ourensán, que na última cita nas urnas se traduciu nunha importante erosión do poder do PP na provincia. Inicialmente aparecera tamén o nome de Paz Abraira, cabeza de lista do Bloque na provincia de Lugo, onde malia os prognósticos das enquisas, que agoiraban que a bipolarización PSOE-PP recortaría os resultados do BNG, os nacionalistas conseguiron o 9M un pequeno pero significativo incremento porcentual respecto a 2004. Anteriormente, falouse ademais do cabeza de lista por Ourense, Iago Tabarés, xa deputado no Parlamento, e con crecente proxección no ámbito do BNG. Outro nome posíbel que aparecía na baralla era o de Roberto Mera, agora mesmo responsábel de política municipal na executiva do Bloque.


4,86/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: