Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os populares querían elixir dous

O Parlamento repartirá un senador por grupo malia as queixas do PPdeG

Os tres grupos parlamentarios vanse repartir os "senadores por designación autonómica".

Redacción - 09:00 13/03/2008

A maioría de socialistas e nacionalistas no Parlamento serviu este mércores para estabelecer que cada un dos tres grupos con representación, PPdeG, PSdeG e BNG, vaia poder designar un senador. A decisión non foi ben recibida polo PPdeG, desde onde consideran que se "racha o consenso" e denuncian que se utiliza un sistema distinto ao dos últimos 25 anos. Teiman os populares en que co procedemento habitual, o PPdeG elixiría dous senadores, quedando o PSdeG co terceiro e o BNG sen representación.

O voceiro do PpdeG, Manuel Ruíz Rivas, insistiu en que desde 1986 se viña tomando como referencia a Lei D´Hont e recordou que á volta dos comicios de 2004, dos tres asentos extra no Senado, dous foran para a forza máis votada nas eleccións galegas e un terceiro para a segunda forza en votos, que en 2001 foi o BNG.

Antes do luns vanse coñecer os candidatos

Amparados no informe dos servizos xurídicos do Parlamento, socialistas e nacionalistas retrucáronlle ao PP que daquela se valeu da súa maioría absoluta para impoñer a aplicación da Lei D'Hont no canto da regra de proporcionalidade. O voceiro do Bloque, Carlos Aymerich, subliñou que o Tribunal Constitucional avala o sistema agora escollido porque responde a "criterios de proporcionalidade" e permite "maior pluralidade" na representación na Cámara baixa.

Tanto Aymerich coma o voceiro do PSdeG, Ismael Rego, coincidiron en avaliar que o patexe dos populares ten que ver cos problemas internos que terían para escoller senador e a súa intención de resolvelo pedindo un asento extra.

En calquera caso, os tres grupos teñen de prazo até o luns próximo para presentaren as candidaturas correspondentes. A designación oficial dos tres representantes terá lugar o día 25, no último pleno do mes, para que o 1 de abril, cando se constitúe o Senado, xa poidan tomar posesión.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: