Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En 1988, ao finalizar a guerra con Irán

Halabja lembra os miles curdos gaseados hai vinte anos polo exército iraquí

O goberno de Iraq pediralle á ONU que declare o 16 marzo día mundial contra as armas químicas.

Redacción - 12:30 17/03/2008
Centos de persoas gardaron silencio este domingo en Halabja

Centos de persoas gardaron silencio este domingo en Halabja

O goberno de Iraq pediralle á ONU que o 16 de marzo sexa declarado como o día internacional contra o uso das armas químicas, en lembranza dos miles de cidadáns curdos asasinados en Halabja (Curdistán iraquí) nun ataque con axentes químicos perpetrado polo Exército de Saddam Hussein hai 20 anos.

Ademais, o portavoz do goberno iraquí, Alí Al Dabag, informou nun comunicado de que o Consello de Ministros tamén aprobou a apertura de procesos legais contra os países e empresas que forneceron daquelas a Iraq de armas químicas.

Ofensiva contra os curdos
Ao finalizar a guerra dos anos oitenta entre Irán e Iraq, ambos os dous gobernos reaccionaron contra os seus propios cidadáns curdos, cunha brutalidade excepcional pola banda iraquí. O 16 de marzo de 1988, o Exército de Sadam Hussein atacou durante tres días a vila de Halabja con bombas químicas causando a morte inmediata de 5.000 persoas e secuelas na poboación civil que perduran na actualidade.

A ofensiva de Halabja culminou a campaña de represión contra os kurdos denominada Al Anfal, dirixida polo curmán de Hussein Alí Hassan Al Mayid, máis coñecido polo seu alcume en inglés Alí, the Chemical (o Químico), entre 1986 e 1989, na que perderon a vida máis de 182.000 civís no Curdistán iraquí e provocou o éxodo de perto de 100.000 curdos cara a Turquía. O obxectivo era retomar o control da parte norte do país e a súa arabización.


3/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: