Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SÁBADO 15, EN COMPOSTELA

Uxía goberna a rumbo

Presenta 'Eterno navegar', o seu agardado novo álbum, nun concerto no Auditorio de Compostela cheo de convidados e sorpresas.

Redacción - 13:30 15/03/2008

A espera rematou. Certo é que o disco non sairá á venda até o 14 de abril, pero as novas cancións de Uxía soarán en público por vez primeira este sábado no Auditorio de Galicia de Compostela a partir das nove da noite, dentro do ciclo Sons da Diversidade. Será un concerto especial por moitos motivos. Uxía estará acompañada da súa banda, na que destaca o azoriano Paulo Borges, pero polo escenario pasarán moitos máis amigos, moitos dos artistas que colaboraron no álbum: os caboverdianos Tito Paris e Jon Luz, o guineano Manecas Costa, ou o portugués Rubén Santos; tamén se escoitará o violín de Quim Farinha, a zanfona de Anxo Pintos e o serrucho de Pulpiño Viascón.

Pasaron case oito anos anos dende que Uxía publicou o seu último disco de estudio, A danza das areas. Neste tempo, a cantante colaborou en traballos de moitos compañeiros e amigos, homenaxes como a tributada a Zeca Afonso, e moi especialmente en cada unha das cinco edicións de Cantos na Maré, organizadas até agora, das que é a coordinadora. Foron anos de viaxe, de travesía polo Atlántico e pola lingua común de galegos, brasileiros, portugueses, angolanos, caboverdianos... Un navegar que é eterno e que nunca remata, e no que Uxía foi coñecendo e descubríndonos a artistas de tres continentes, e no que se foi empapando de sons e tradicións musicais diversas. Unha viaxe da que resulta este Eterno navegar.

Son quince cancións, entre as que se poden atopar As nosas cores, un canto ás mulleres, no que colabora "a voz de veludo" de Sara Tavares, e que no disco aparece en dúas versións, unha máis afro; Eterno navegar, que lle dá titulo ao disco, con letra do alentejano Paulo Abreu Lima; ou A Quimera, unha canción de Narf que xa fomaba parte do do repertorio dos concertos de Uxía. Hai homenaxes á Illa de Arousa (A fala da serea) e a Compostela (Berenguela); adaptacións de poemas de Celso Emilio Ferreiro (Eu en ti: Eu xa te busquei/ cando o mundo era unha pedra intacta/ cando as cousas buscaban os seus nomes/ eu xa te buscaba) e de Marica Campo (Nalgures). Hai mornas de Cabo Verde (Morna sentida) e unha canción tradicional azoriana (A Lira) nunha revisión íntima e cun toque a Tom Waits na voz de Zeca Medeiros. E tamén unha nova versión de Unha noite na eira do trigo, aínda que "pretendidamente lonxe da orixinal", e unha reinterpretación do Alalá de Muxía.


Uxía, Zeca Medeiros (que tamén colabora no disco) e Dulce Pontes, na homenzaxe a Zeca Afonso


4,14/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: