O ex militar é acusado de ser o responsábel de 228 desaparicións e 128 secuestros durante a ditadura de Videla. Arxentina leva tempo pedindo a cesión do seu caso.
Cando foi detido en México
Ricardo Miguel Cavallo é un ex militar da ditadura arxentina, que, ademais de ser o presunto responsábel de 228 desaparicións e 128 secuestros, está acusado de ser un dos principais operadores da Escola de Mecánica da Armada (ESMA), o meirande centro clandestino de detención que se mantivo operando de 1976 até 1983.
Cavallo fuxiu a México tentando evitar a xustiza, pero, tras varios anos de impunidade, foi detido en 2000, após ser recoñecido por varios superviventes dos centros clandestinos da ditadura. En 2003 foi extraditado ao Estado Español por petición do xuíz da Audiencia Nacional española, Baltasar Garzón, acusado de delitos de xenocidio e torturas perpetradas durante a ditadura arxentina. Naquela altura foi procesado, mais en 2005 a Audiencia Nacional declinou xulgalo e comezaron os procesos para darlle prioridade aos tribunais arxentinos que investigaban ao ex militar.
Despois de aprobar o goberno español a súa extradición a Arxentina (o pasado 29 de febreiro), esta sexta feira a Audiencia Nacional española autorizou a entrega de Ricardo Miguel Cavallo. A orde será executada vía Interpol, e a causa aberta contra el no Estado Español será arquivada.