Algúns dos sobres chegados dende a diáspora incluían certificados de defunción para denunciar o proceso. A socialista Marisol Soneira recoñecía en febreiro as escasas garantías do sistema.
Os votos da emigración danlle unha rotunda vitoria ao PSdeG. O reconto dos sufraxios ás candidaturas ao Congreso rematou este xoves nas catro circunscricións galegas. Os votos da diáspora non modificaron o reparto de escanos. Porén, o comportamento electoral foi radicalmente diferente ao que se deu en Galiza. Os socialistas logran segundo este primeiro reconto 66.436 sufraxios (arredor do 60% de todos os válidos); o PPdeG, 38.474 (34%) e o BNG non chega ao 3% do total escrutado (3.107 votos). Cómpre lembrar que o escrutinio do pasado domingo no país dáballe un 44,5% dos votos aos conservadores, un 39,49 aos socialistas e un 12,07% ao Bloque
Os resultados da diáspora na circunscrición da Coruña son os seguintes: PSdeG (25.012 sufraxios); PPdeG (13.326); e BNG (1.223). En Pontevedra, PSdeG (19.174); PPdeG (11.235); e BNG (787). En Ourense, PSdeG (11.918); PPdeG(9.220); e BNG (736). En Lugo, PSdeG (10.332); PPdeG (4.693); BNG (361).
Como dato anecdótico hai que subliñar que o Partido Antitaurino contra o Maltrato Animal foi a cuarta forza máis votada na Coruña, ourense e Pontevedra, onde estivo a piques de acañar ao BNG logo de lograr 507 sufraxios. Agárdase que este venres remate o escrutino do Senado.
Polémica sobre a transparencia
A transparencia dos votos chegados dende o exterior volveron erguer polémica. Algúns dos sobres que non chegaron a entrar dentro das urnas incluían certificados de defunción como xeito de protesta. O pasado luns, no programa 'Hai debate' da TVG, o voceiro do BNG no Parlamento, Carlos Aymerich, e o secretario de organización do PSdeG, Ricardo Varela, tiveron unha forte discusión logo de que o segundo estimase que o 60% dos votos serían para os socialistas.
A deputada socialista Marisol Soneira, responsábel de Emigración , recoñecía abertamente, nunha xornada de debate celebrada o pasado mes de febreiro no Consello da Cultura Galega, que o voto da diáspora era facilmente manipulábel.