O Parlamento vai estudar se a Secretaría Xeral de Emigración destinou cartos á campaña do PSdeG en Arxentina.
O PSdeG apoiará a creación dunha comisión parlamentaria para investigar se a Xunta pagou a viaxe a Arxentina dunha axente electoral dos socialistas. Dende as filas nacionalistas aseguran que traballaron para posibilitar a comisión: "queremos que se investigue a actividade da axente electoral do PSOE e dos seus precedentes, porque hai motivos". Dende o Bloque lembran que son a única formación que non aparece implicada en irregularidades co sufraxio exterior.
Logo de que o PPdeG fixese pública a denuncia, Touriño anunciou que abría unha investigación interrna para aclarar se a Secretaría Xeral de Emigración destinou fondos para facer campaña nas pasadas municipais. A Consellaría de Presidencia foi o departamento encargado de estudar o caso.
Pola súa parte, a deputada socialista Marisol Soneira, responsábel de Emigración do PSdeG, denunciou no xulgado á suposta axente electoral, María Isabel Blanco, que recoñeceu publicamente que a parlamentaria lle facilitara un billete de avión pagado con fondos públicos.
Esta será a terceira comisión de investigación que se constitúe no Parlamento no que vai de lexisltura. Anteriormente, os deputados analizaron as deficiencias na autovía do Salnés e a Cidade da Cultura.