Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN NA FUNDACIÓ VILA CASAS: Corberó privat

Traballo de décadas, a ironía como arma

A seriedade deste escultor vese nas prazas de moitas cidades europeas, o humor faino aparecer como o artista que ri de si mesmo, como un Peret que entoa rumba catalá.

Lito Caramés - 20:00 12/03/2008
"La Montserrat"

"La Montserrat"

A Fundació Vila Casas continúa a súa laboura de mostrar obras de artistas actuais, cataláns, e significativos. Agora presenta unha escolma do traballo de Xavier Corberó, escultor. Do traballo. Nas salas da rúa Ausiàs March pódense ver pezas dos anos sesenta, setenta... até do ano 2008. E non só escultura. Aceptando que a escultura é a base artística das máis de cincuenta pezas expostas, alí vanse sucedendo pinturas, debuxos, deseños preparatorios, etc. Por iso tal vez o título “Corberó privat” é axeitado. A mostra é unha oportunidade de ver maneiras de facer que até agora estiveron agochadas e que distan moito das súas esculturas públicas e monumentais ben coñecidas.

Antes, nestes mesmos espazos foron outros escultores: o Josep Maria Camí coa parábola crítica Temps de Sibil·les ou o Lluís Blanc, en conversa directa cos materiais.

Para saber do labor de décadas a mostra é axeitada. Para mellor coñecer quen é o escultor que ten obra en museos de todos os continentes, a intencionalidade agradécese. Para ver quen plantou obras públicas en cidades europeas e americanas, o contido é moi válido. Para sorprendernos diante de pezas que o autor conservou canda el -o autor a quen un tal Salvador Dalí lle comprou toda, toda, a obra que mostrou en Nova York a primeira vez que fixo unha exposición-, para sorprendernos e mais para interrogar a creación. Para todas esas cousas, e mirar de contestar á pregunta quen é Xavier Corberó?, a exposición é un contento.

Supoño que será casualidade que esta exposición, intimista se se quere, coincida no tempo e na cidade de Barcelona con outra que tamén convida á revisión doutro dos grandes artistas do s. XX, Picasso. Trátase de Picasso i la seva col.lecció, que se pode coñecer no Museu Picasso da rúa Montcada. Neste caso son pezas de artistas que Pablo Picasso decidiu ter sempre con el, sempre axudándoo a traballar. Mostra que se complementa coa que tamén agora se pode ver en Madrid, no Centro de Arte Reina Sofía: os picassos de Picasso.

Natureza versus elaboración.

Corberó é un artista complexo, múltiple. Na súa obra todo ten varias lecturas. Moitas das súas pezas son abstractas, simplificadas, pero expresan a diversidade; as liñas teñen querenza pola curva, pola suavidade, pola textura lisa. Pero con cargas fondas, duras.

As súas propias palabras no intre de definir o que é e foi boa parte da súa vida (a escultura) confunden; non se sabe ben como aceptalas. Ou si: “La escultura: agafas una pedra i la converteixes en... un altra pedra.”

Fillo de familia de artesáns e escultores, sempre estivo nese universo matérico. Realmente puido ser un bo orfebre, pero acabou apostando por buscar formas na natureza, para logo reelaborar con transparencia, con sensualidade. A el sempre lle gustou moito a pedra, pero na posguerra a pedra ía moi cara. Entón marchaba aos cemiterios e compraba anacos de lápidas, que era o máis barato. Na Fundació Vila Casas hai obras actuais feitas en mármore, que ben poden ser as herdeiras daqueles primeiros traballos xerados con restroballos de pombeiros. Non por traballar a pedra deixa a súa obra de ser delicada e ingrávida. Nin por traballar obra pública para cidades importantes deixan as súas creacións de ser elegantes, e un tanto enigmáticas. Desde a forte manipulación dos materiais até o mínimo relevo e as leves incisións, as pezas parecen vir de lonxe, carrexando o peso da estética prehistórica, da intelectualidade renacentista, das simplificacións dos coetáneos: as vangardas (Brancusi, Moore, Gargallo).

Ironía e ética.

Na pantalla do auditorio, Xavier fala e confesa ao seu xeito os traballos e os días. Faino coa aparencia dun Peret, disposto a arrincarse cunha rumba e coa voz fonda de tanto rir de si mesmo, ou de entonar “Borriquito como tu...”.

A mostra, peculiar polas pezas que presenta, permite descubrir algunhas das dualidades do artista que traballou nas restauracións que se fixeron en Barcelona nos anos oitenta, que tivo como un dos seus mellores clientes a Dalí.

Non se pode negar a importancia que para Xavier Corberó ten a retranca (que mesmo semella galego) cando quere tomar partido por unha opción de vida, unha posición de ética e estética. Poño por caso: as esculturas do Mohamed Pujades e do Jordi Huo son (en palabras súas) as reproducións de dous personaxes que están a punto de ser “Presidents de la Generalitat”.

A mor abundar, hai unha colección de autorretratos, feitos sobre cartón e con tintas de cores, que din moito da saúde pública do autor. Os autorretratos son cabezas de cabalo ou de burro. Todos. E cada un representa un estado de ánimo: refredat, enamorat...

Xa sexa no traballo do metal, xa nas pedras, xa sobre papel ou cartón, as creacións de Corberó teñen algunhas constantes que se veñen repetindo desde os anos sesenta. Será certo que sempre se está a facer a mesma obra? Será que nunca se da acabado esa obra? Será que a obra –xa que logo- é a suma de todo o que se foi facendo día a día? Unha obra feita en todos os materiais, os máis tradicionais, e tamén os que chegan, como o polietileno. Un autor que esixe: “una obra ha de produir una emoció instantània com la que sentim quan ens fa un petó a una persona estimada”.


EXPOSICIÓN Corberó privat

Fundació Vila Casas
Ausiàs Marc, 22 | Barcelona

Horario: de martes a venres, de 17 a 20.30 h; sábados, de 11 a 14 h e de 17 a 20.30 h.

Entrada de balde.

Até o 26 de abril.


2,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xavier Corberó
Xavier Corberó
"Tardor", 1981 (detalle)
"Tardor", 1981 (detalle)
"Les dues franceses", 2002
"Les dues franceses", 2002
"La nena", 2008
"La nena", 2008