Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
Exposición Lluís Blanc: 30 Anys d'Escultura

Diálogos man-pedra, a forza da materia

"Calquera cousa manipulada por un ser humano, capaz de producir unha emoción, é Arte". Esta precisa definición de Arte é parte dunha conversa do escultor Lluís Blanc, e que se pode ver e escoitar nas dependencias do Espai VolART (Fundació Vila Casas) como parte da propia exposición. Por Lito Caramés

Lito Caramés - 10:00 22/03/2007
'Simetría', 1977, Lluís Blanc

'Simetría', 1977, Lluís Blanc

Alí, na pantalla, vai saíndo o Lluís mentres traballa no seu taller exterior, con aparencia de Clint Eastwood dirixindo Sen Perdón, ou de Joseph Cotten, en O Terceiro Home. O escultor ten toda a liberdade para dirixir o traballo na pedra? Nos dous andares da galería sucédense obras creadas ao longo de trinta anos de emoción e traballo. Que enerxía pula da materia?

A Fundació Vila Casas continúa a súa laboura de mostrar obras de artistas actuais e expresivos. E non só de pintores, que é o máis habitual. Non hai moito era o escultor badalonés, Josep Maria Camí o que reflexionaba sobre os días que nos está tocando vivir e do que vai vir, facendo unha parábola crítica en Temps de Sibil·les. Agora outro escultor toma o relevo: Lluís Blanc (Barcelona, 1945).

Trátase dunha antolóxica na que os límites cronolóxicos decídeos o título (30 anys d'escultura). O máis interesante, as teimas, as formas, as técnicas de Lluís, vanse vendo non dous andares do Espai VolART que a obra deste artista enche completamente.

No soto hai pezas dos anos oitenta e noventa. Unha parte delas feitas en metal, aceiro mormente, e outras en pedras varias. O aceiro é retallado e presentado en formas xeométricas simples e rectilíneas (Triángulo, 1988), o que lle dá a consistencia do autor que teima coas formas, cos planos -alongados por sombras-, coa implicación do material no espazo que o envolve e condiciona. As similitudes ou influencias doutros metalistas axiña se fan presentes. Oteiza, por exemplo. O mármore e as pedras acadan diversas expresións e conceptos. A pedra de San Bertomeu déixase perfilar para presentar rugosidades con aspectos compactos, cúbicos (Paquete, 1998, Escritura, 1996), ás veces a carón da querenza dos cubistas e outras apostando polo informalismo e por unha linguaxe propia, críptica, moi suxerinte. En xeral o mármore é pulido e sensual nos acabados do Lluís Blanc (Tria, 1978) e con propostas moi persoais, algunhas delas moi no vieiro de tallistas como Brancusi (Simetría, 1977). Asemade, a linguaxe críptica agroma nas delicadas superficies do mármore, e moi claramente na obra Plafons (1998-2000): sete láminas de 30x50 cm. (máis ou menos) nas que se perfilan algunhas letras (A, B, O, V...) ao tempo que o plano oscila lixeiramente, sempre alisado. Hai nalgunhas destas pezas -Escritura e Plafons- unha pescuda de formas primarias: que se escribiu primeiro?, para quen?, a pedra mostra a súa propia escrita?

A obra máis nova atópase ao entrar no Espai VolART, no baixo. O mármore é aquí o material dominante e case exclusivo. Lluís busca nas pezas de Carrara ou de Almería a esencia da materia. Blanc afirma, seguindo na liña de pensamento do Buonarroti, que moitas veces é a pedra a que che está a dicir que facer, como ler as feridas, as texturas que agroman de dentro cara fóra. E isto vese moi ben na mostra. O escultor observa, le as superficies, escoita a súa linguaxe. Logo comeza o diálogo coa pedra, a interacción man-pedra-cicel. Quen dirixe a quen? Até onde o artista ten a liberdade de atacar o material onde quere e por onde lle peta? Non son as vetas e a forma previa que xa trae a peza o que determina as lecturas da man, os agarimos oculares? O artista tamén aporta ao diálogo as súas feridas, a súa pel tatuada. E a danza creadora pespunta suturas reveladoras.

As obras rematadas, grandes e pequenas, resaltan texturas lisas e texturas moi rugosas, froito do traballo do polinomio man-cerebro-pedra no que non sempre se sabe quen dirixe a colaboración, quen gaña na confrontación. O que é certo é que o resultado chega despois de loitas internas e externas, de tensións e de saber identificar o anaco de sacralidade que emerxe da materia.

Lluís Blanc parece buscar ultimamente o sentido da materia. Con linguaxe propio, críptico, de conversa directa cos materiais, o escultor logra descubrir volumes, formas e texturas de fonda significación telúrica. Busca que reflicten os títulos: Agulla (2004), Textures (2004), Aigua (2005)...

EXPOSICIÓN:
Lluís Blanc: 30 anys d'escultura
Espai VloART (Fundació Vila Casas)
Ausiàs Marc, 22 (Barcelona)
Até o 21 de abril
Horario: de martes a venres, de 17 a 20,30 h., sábados, de 11 a 14 h. E de 17 a 20,30 h.
Entrada de balde.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: