O Concello de Redondela promove unha campaña de normalización lingüística para potenciar o uso do galego nas festas populares, e convida a todos os do país a se sumaren. Falamos co impulsor desta iniciativa, Xosé González.
Os cantantes das orquestras usan cada vez menos o galego
O Concello de Redondela (Vigo), en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa TVG, está a promover unha campaña de normalización lingüística para potenciar o uso do galego nas festas populares. Porén, a iniciativa non fica aí, xa que o obxectivo é que se estenda a todos os concellos do país.
O fin último é o de potenciar a cultura e a lingua propias de Galiza. Este luns, o alcalde de Redondela, Xaime Rei, enviou cartas a todo os concellos para explicarlles o contido da proposta, e para convidalos a se xuntar o vindeiro 4 de abril, co fin de asinaren unha declaración conxunta.
Mais tras desta iniciativa está Xosé González, técnico da Concellaría de Cultura de Redondela. Fundador da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, da Asociación de Xuristas en Galego, da Fundación Lois Peña Novo e presidente da Fundación dos Premios da Crítica, González tamén foi responsábel de normalización lingüística da Mancomunidade de Vigo.
Vieiros: Como xorde 'Mil festas máis para a lingua galega'?
Xosé González: Xorde da observación detallada da realidade e mais dun axeitado cumprimento das normas. A Lei de uso do galego polas Corporacións locais e o Plan Xeral e a Lei de Normalización Lingüística así o estabelecen. Os concellos fan pedagoxía para vertebrar o país, tamén co galego.
Tamén coas festas...
Se temos en conta que en Galiza hai 3.750 parroquias e 35.000 núcleos de poboación -o que supón case o 70% dos que hai no Estado Español- e cada parroquia fai dúas festas ao ano, unha polo patrón e outra pola patroa... iso supón 7.500.
Ademais, haille que sumar todas as festas gastronómicas, as de carácter histórico, as organizadas polos concellos... Son moitos millóns de pesetas investidos; non podemos permitir que por desleixo non só non se constrúa país senón que se desgaleguice.
En que senso?
O exército de neotrobadores que son as orquestras ocultan en moitas ocasións a súa identidade, usando o castelán mesmo con acento andaluz. Cómpre recuperala, tanto a individual como a colectiva de parroquia. No é lóxico, por poñer un exemplo, que en Guillade non se teña en conta a Xoán García; coido que é un dispendio, hai moitas historias ocultas en todas as parroquias.
E tamén, se se fan cancións en castelán con ritmos estranxeiros, por que non se van, facer tamén en galego... como cando Adolfo Suárez dicía que o galego non servía para asinar tratados nucleares, ou Fraga que non tiña utilidade fóra da cultura. Ben é certo que os chamados axentes artísticos, que che venden a festa feita, non poñen nada de seu...
E esta situación é a que leva ao nacemento de 'Mil festas máis para a lingua galega'...
Collinlle prestado a Álvaro Cunqueiro o seu "mil primaveras máis". Levamos tempo traballando para recuperarmos a nosa identidade nas festas. Hai quince anos conseguimos que no momento da consagración a banda tocase o himno galego en troques do español.
Pero hai moitos máis símbolos, cos que a xente ten confusión: antes a bandeira española cubría o campanario da igrexa, agora comeza a compartir o espazo coa galega e aínda quedan desequilibrios.
Como se vai levar a cabo a proposta?
Debe figurar por contrato que haxa un mínimo do 20% ou o 25% dos temas en galego, ben sexan orixinais ou adaptados; o cantante tense que dirixir en galego ao público. Outro tema importante é o da toponimia, que na publicidade da festa aparece deturpada en moitas ocasións, e que nesta publicidade se use un lingua correcta, non vulgar.
Tamén, que os cregos xa que non o usan o resto do ano, polo menos o día do patrón oficien a misa en galego. Que os contratos estean redactados en galego... Sobre todo que sexa unha festa ao servizo da cultura do país e da parroquia, e que sexa para todos, novos e vellos, que non sexa disciosativa do continuo xeracional... Se temos 3.750 parroquias, debería haber 3.750 festas diferenciadas coas súas singularidades; agora unha na aldea do Cebreiro é idéntica por exmplo a outra que se faca no Castiñeiriño.
E que opinan os concellos?
Os concellos, xa que non caeron na conta as comisións de festas, como ente superior que son deben facer que isto se cumpra porque lles obriga a lei. Non podemos ter festas feitas con regra e cartabón, cumpren un papel antropolóxico, sociolóxico... Xa que logo, convocamos aos concellos para que o transmitan -agora os músicos, dos que por certo Galiza é exportador, non están agrupados coma antes.
Adheriuse algún xa?
De momento sei dalgúns que o van facer, coma Calvos de Randín, Vilagarcía, Soutomaior ou Mondariz-Balneario, mais haberá moitos máis.