Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Asasinato dun ex edil de Arrasate

Feijoo: "Cada día, ETA ten o mesmo na súa axenda: asasinar"

O presidente do PPdeG condenou afirmou que "o sentido común e a calma deben marcar a nosa dor como mostra de unidade".

Redacción - 18:05 07/03/2008

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, manifestou a súa "condena máis rotunda pola morte de Isaías Carrasco (ex concelleiro socialista de Arrasate, Euskadi) a mans dos asasinos terroristas". "Os únicos culpábeis deste día de loito son os terroristas", afirmou.

"Quixera expresar o meu sentido pésame á súa familia, amigos, veciños e a todos os galegos e españois que queren a liberdade. Síntoo moitísimo polas súas dúas fillas e polo seu fillo", agregou Feijoo.

O líder dos populares amosou tamén a súa solidariedade co PSOE: "Sentimos a súa morte coa mesma dor ca se fose un compañeiro noso, e así llo acabo de expresar ao secretario xeral do PSdeG-PSOE, o señor Pérez Touriño".

Asemade, deu todo o seu "apoio e confianza" ás Forzas de Seguridade do Estado "para conseguir que os responsábeis deste asasinato paguen polo que fixeron". "Os terroristas non poden condicionar a liberdade das persoas. Iso foi o que pensamos, e seguiremos pensando sempre no PP de Galicia", dixo.

"As organizacións totalitarias que son os terroristas non van marcar a nosa contribución á democracia, porque nós si cremos na democracia. Os terroristas non poden condicionar nunca a aplicación da Lei", sentenciou Feijoo.

"Os terroristas non acadarán nunca ningún dos seus obxectivos. O Estado de Dereito e a democracia son moito máis fortes ca eles. ETA é a mesma banda asasina e cruel desde o primeiro día que se formou, e foi a mesma banda asasina durante estes últimos anos. Cada día, ETA ten o mesmo na súa axenda: asasinar", afirmou.

Por último, o presidente do PPdeG dixo que "ETA vai ser derrotada entre todos. É o seu único final posible. O sentido común e a calma deben marcar a nosa dor como mostra de unidade. Non a ETA, si a liberdade".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: