Correa reuniuse esta quinta feira con Chávez que retou a Uribe a denuncialo no TPI. Este último comprometeuse "a non repetir" unha operación coma a do sábado.
Chávez e Correa, esta quinta feira
O presidente de Ecuador, Rafael Correa, expresou a súa satisfacción pola resolución da Organización dos Estados Americanos (OEA), reunida esta cuarta feira, que cualificou o ocorrido de "violación da soberanía ecuatoriana".
Porén, Correa afirmou que o seu goberno "non vai ficar tranquilo" até que a comunidade internacional "condene" de forma "contundente" a Colombia por "violar a soberanía" do seu país. De non ser así, "Ecuador saberá facer responder ao agresor a súa ultraxe", declarou.
Pola súa banda, o presidente de Colombia, Álvaro Uribe, manifestou o seu compromiso "a non repetir" unha operación como a do pasado sábado contra as FARC, mais tamén exixiu que non se agreda o seu país nin que se lles dea acubillo aos "terroristas". "Aceptamos a resolución da OEA e asumo a responsabilidade", dixo, e avogou por unha "solución diplomática".
Ao respecto, o presidente venezolano, Hugo Chávez, tras a xuntanza con Correa, amosouse despreocupado pola ameaza de Uribe de acusalo ante o Tribunal Penal Internacional: "Reto a Uribe a ver quen sae condenado por apoiar o xenocidio, a violencia, o paramilitarismo, a invasión doutros países ... e pare de contar".
"Inviolabilidade dos estados, sexa cal sexa o motivo"
O Consello Permanente da OEA aprobou esta cuarta feira por unanimidade a resolución acordada por Ecuador e Colombia sobre o conflito. O consenso entre ambos os países chegou tras "14 horas de negociacións", segundo o embaixador de Panamá ante a OEA, Arístides Royo, que encabezou o grupo de traballo.
"O territorio dun estado é inviolábel e non pode ser obxecto de ocupación militar nin doutras medidas de forza tomadas por outro estado, directa ou indirectamente, sexa cal fose o motivo, mesmo de forma temporal", di o texto.