Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Valorado moi positivamente polas institucións

Un paso máis na creación do centro de alto rendemento para discapacitados de Oleiros

O chamado proxecto CARDis-Galiza, a realizar nun terreo fronte ao INEF, foi presentado polo BNG oleirense a diversas entidades públicas e privadas.

Redacción - 12:00 05/03/2008

O BNG de Oleiros leva xa un tempo movendo o seu proxecto CARDis-Galiza, o centro de alto rendemento deportivo especializado en discapacidade que queren construír nuns terreos fronte ao INEF, no campus coruñés de Bastiagueiro.

Até o de agora o grupo nacionalista ten realizado contactos co Servizo de lesionados medulares do Hospital Juan Canalejo, co Reitorado da Universidade da Coruña (UDC), a COGAMI, varios colectivos de loita contra a drogadicción, a fundación ADCOR, a Deputación Provincial da Coruña, e os directores do INEF-Galicia, Vicepresidencia, as Consellarías de Industria, Cultura e Vivenda, a profesorado especializado e a outros profesionais de atención á discapacidade e da integración social, sendo ate o de agora, segundo contan, moi valorada a proposta.

Fóra barreiras nunhas instalacións para todos
O complexo, que estaría situado no contorno de Bastiagueiro (a carón da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física) estará composto dunha residencia de estudantes (adaptada á mobilidade); unha instalación deportiva polivalente, cuberta e adaptada anexa ao actual estadio de atletismo; un servizo asistencial a dependentes, integrado nas instalacións específicas deportivas; un gabinete de xestión da Investigación para a súa aplicación no conxunto da sociedade (I+D+i); e varias pistas de paseo e campo a través, así como zonas de exercicio ao aire libre. Todo isto contando coa eliminación de barreiras internas e externas en todo o contorno de Bastiagueiro, así como nas instalacións universitarias do INEF e centros de ensino.

O proxecto, segundo o BNG de Oleiros, pretende facer deste concello un "referente internacional en materia social e deportiva, cun centro único e especializado, que atendería as demandas sociais dun importante sector da poboación que precisa atención moi especializada, tanto dende o punto de vista asistencial como de superación deportiva".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: