A Coordinadora de Crentes Galegos seguirá "loitando" en favor "doutra voz" posíbel na Igrexa.
"Está aínda moi lonxe a chegada da democracia á xerarquía eclesiástica", laiouse este martes Xosé Barca, un dos voceiros da Coordinadora de Crentes Galegos, colectivo inscrito a nivel estatal na plataforma Redes Cristiás. Con todo, Barca opina que as arelas democráticas no contorno da Igrexa "non son utópicas", malia que recoñeceu que os avances parecen quedar "a anos luz". "Ogallá me equivoque", comentou ao respecto desa análise.
Ao respecto da elección do conservador Rouco Varela, Barca recoñece que "de entrada, para nós non é unha boa noticia". Xosé Barca lembrou que moitos dos crentes non compartern a ideoloxía da xerarquía relixiosa. A Coordinadora de Crentes Galegos súmase así ao propio comunicado realizado pola plataforma, que coincidindo coa celebración das eleccións na Conferencia Episcopal, e citando palabras atribuídas ao papa San Celestino, recordaban a frase "ningún bispo imposto". Redes Cristiás insiste así na súa petición de máis "pluralidade" na Igrexa. "Non temos un candidato ao que apoiar, pero si unha opción prioritaria pola democracia na Igrexa", conclúe o comunicado. Ao respecto, Xosé Barca recorda que as primeiras comunidades cristiás "eran máis participativas" e nelas os fieis "elixían os bispos".