A colaboración dos veciños foi clave para que a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica encontrase á fin a foxa.
Os testemuños dos veciños da Fonsagrada puxeran sobre a pista aos membros da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, ARMH, que durante o pasado verán realizaran un ambicioso labor de investigación e búsqueda a pé de campo. Daquela foran encontrados os cadáveres de até 11 dos republicanos asasinados, cuxos restos apareceran en dous foxos diferentes.
Nos meses posteriores o colectivo continuara cos traballos, nunha exploración minuciosa que partía das referencias históricas gardadas na memoria dos veciños da zona, e grazas á cal os arqueólogos últimos días puideron localizar finalmente unha foxa onde estarían os restos de entre dúas e tres persoas. Segundo lle explicou a Vieiros a investigadora Carme García Rodeja, a ARMH ten a convicción case total de que, atendendo aos datos cos que se conta, necesariamente un dos corpos que están neste foxo é o do Comandante Moreno. A confirmación chegará o mes que vén, na altura da Semana Santa, cando a asociación desprace os seus colaboradores ao lugar para proceder á exhumación dos restos. A profesora García Rodeja destaca a "extraordinaria e emocionante" colaboración proporcionada polos veciños da Fonsagrada, fortemente implicados nas tarefas desenvolvidas pola ARMH.
Lembranza do Batallón Galicia En setembro de 1936 creouse e comezou a se adestrar militarmente un grupo antifascista na avanzada galega cara Asturias, o que sería coñecido como Batallón de Milicianos de Galicia. Na unidade alistáronse moitos galegos residentes na raia galega-asturiana ou que conseguiran chegar até alí antes do 18 de xullo de 1936.
O 9 de xaneiro de 1937 uníronse a eles vintetrés destacados militantes libertarios galegos que conseguiran chegar ao porto de Xixón tras saír do das Xubias, na Coruña, nunha lancha pesqueira a motor, á que eles mesmos chamaban "La Libertaria". Entre os fuxidos estaba Emilio Novas Naya, Odilo Masid Masid e Xosé Moreno Torres, quen, uns meses após a chegada á Fonsagrada ía ser nomeado comandante da unidade.
O coruñés Xosé Moreno Torres morreu deixando tras de si unha copla que se fixo popular nas vilas galegas e asturianas da raia: "Unos le dan bofetones, otros le dan puntapiés, otros le clavan agujas, en las uñas de los pies. En el año treinta y siete, en el alto del Acebo, matasteis a dieciséis, y al Comandante Moreno", recollida por Antón Santamarina, do ILG. Ás escavacións realizadas durante o verán de 2007 acudiran familiares dos asasinados de toda Galiza,incluída a familia que o Comandante Moreno ten en México.