A fraternidade radical é unha aposta arriscada. Foino hai dous mil anos e segue a selo hoxe. A medida que a sociedade está máis satisfeita e obsesionada polo benestar material e a seguridade, as opcións solidarias e a capacidade de compartir espazos e destinos cos máis pobres resultan máis arriscadas e insólitas.
Recentemente toda unha urbanización de chalets adosados dos arredores de Santiago reaccionou en bloque e case sen fenda (a penas un veciño se desmarcou), contra a posibilidade de que se abrise no seu exclusivo contorno unha casa de familia de educación de menores en acollida. O discurso é o xa sabido e gastado: sería un perigo para a súa seguridade e para a educación dos seus fillos!
A mesma actitude de medo, inseguridade, exclusión, está tódolos días nas portadas dos xornais na área de Pontevedra, co gallo do complicado e doloroso proceso de realoxamento de cidadáns de etnia xitana do poboado do Vao. O discurso volve a ser o mesmo: o mal vén de fóra a alterar a nosa seguridade. E baséase nunha perigosa concepción de fondo: pureza de vida, de raza, de clase, de barrio ou de sociedade. Tampouco non hai voces neste caso, ou poucas son, as que poñan por diante o dereito dos excluídos a seren cidadáns de primeira e a solidariedade cos procesos fráxiles que estes emprenden e, en consecuencia, se ergan decididas contra ese contaxioso síndrome de “clase media”.
Hai unha lenta e solermiña “fascistización”-permítasenos o palabro- da sociedade. E non só está nese nosoutros-eles, ben-mal, senón noutros fenómenos como o da cultura posesiva dos homes sobre as mulleres, un delirio de actos de violencia machista –que parecerían doutra época pero que parecen ir a máis- e que non se curan con doses de corrección política.
Son tempos de rebelión contra o fariseísmo. O drama da paixón do xusto é a gran metáfora da soidade do profeta, da dificultade da utopía cando as sociedades se acomodan e dereitizan, cando non hai sitio cultural para os que se deciden a lavar os pés, estar cos últimos, e aturar o maltrato que conleva a firme decisión de construír unha paz distinta.