Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANÁLISE

Ceo revolto con Washington de protagonista

A militarización do espazo é xa un feito que, tras o paréntese da pasada década, acelera con forza imparábel nos nosos días. Artigo de Jesús A. Núñez Villaverde.

Jesús Núñez Villaverde / IECAH - 09:00 03/03/2008

Xa no seu tempo Friedrich Nietzsche insistía na nosa condena a vivir nun permanente eterno retorno. Desde o tráxico 11-S, e no que afecta polo menos ao ámbito da seguridade internacional, esa é unha percepción que se reforza cada día, nun proceso imparable que recupera enfoques, estratexias e discursos que nos parecían xa enterrados coa Guerra Fría e que, ademais, devólvennos a situacións de crecente preocupación e temor. Esa sensación de déjà vu volveunos a inquietar na madrugada do pasado día 21 cando, tras 23 anos de paréntese, Estados Unidos levou a cabo a destrución dun satélite espía propio.

Para "vender" esta acción militar- que, en definitiva, significa a utilización dun mísil SM-3 (deseñado especificamente para a defensa contra mísiles balísticos) para pulverizar no ceo (a uns 247 quilómetros da superficie) un dispositivo (o US-193) que se dedica á espionaxe e que encerra en si mesmo un perigo indiscriminado (derivado da toxicidade das súas 450kg de hidracina)- optouse por presentala como unha "medida preventiva". Estariamos así ante unha decisión tomada en función da hipotética ameaza que a súa caída en zonas poboadas podería representar para algunhas persoas. É certo que o satélite, lanzado o 14 de decembro de 2006, nunca chegou a alcanzar a órbita prevista e que a súa paulatina perda de altura levaba preocupando desde fai meses aos seus propietarios. Tamén o é que resulta máis aconsellable destruílo cando xa está á altura elixida neste caso, calculando que as partículas resultantes da explosión acabarán caendo a terra en lugar que quedar convertidas en lixo espacial, que poría en perigo aos ao redor de 400 satélites de todo tipo que ocupan órbitas baixas e aos astronautas que puidesen moverse nesas latitudes.

Pero non parece que esas sexan as principais motivacións para terminar deste xeito coa súa existencia. Por unha banda, Rusia e, sobre todo, China apresuráronse a denunciar o que consideran un paso decisivo na militarización do espazo. Aínda que haxa temores de que así sexa, non deixa de ser chocante a facilidade para o esquecemento que ten o goberno chinés, coma se en xaneiro de 2007 non fixese exactamente o mesmo que agora critica a Washington (engadindo que, naquela ocasión, a destrución produciuse a uns 800 quilómetros de altura, co consecuente efecto de creación de innumerables anacos de lixo espacial). Non deixa de resultar un tanto hipócrita, visto o seu comportamento pasado, que tanto rusos como chineses se animen precisamente agora a proporlle á súa contraparte estadounidense un acordo de desmilitarización do espazo exterior (que foi inmediata e frontalmente rexeitado por unha administración Bush que non desexa ningún tipo de limitación ao seu innegable impulso militarista).

A militarización do espazo é xa un feito que, tras o paréntese da pasada década, acelera con forza imparable nos nosos días. Na medida das súas posibilidades, todos os actores relevantes do noso mundo van apuntándose a esta carreira, con Estados Unidos destacado na cabeza. Quen así actúan responden simultaneamente a un impulso que lles fai crer que é posible a vitoria nunha hipotética batalla con armas nucleares (o que contravén un dos fundamentos principais da estratexia nuclear destas últimas décadas, que contempla a estas armas como elemento principal de disuasión pero non de combate) e, por outra banda, a unha fe radical na tecnoloxía de defensa antimísiles balísticos.

Ademais, polo que respecta a Washington, cabe recordar que foi a actual administración Bush a que decidiu denunciar o Tratado Antimísiles Balísticos (asinado en 1972 entre EE. UU. e a URSS, nun trazo de racionalidade que aínda hoxe nos sorprende), convencida de que é posible defender o seu territorio de ataques nucleares até o punto de facelo invulnerable. A partir de aí foise desenvolvendo de xeito sostido un sistema de defensa estratéxica contra mísiles, popularmente coñecido como escudo antimísiles, que xa está en parte operativo e que xa ampliou o seu radio de despregamento até chan europeo (Gran Bretaña, desde hai tempo, e Polonia e República Checa, en breve) para desgusto obvio de Moscova e outras capitais.

Coa destrución deste satélite espía, Washington non só quixo salvagardar vidas humanas senón, sobre todo, probarse a si mesmo e demostrar a outros que vai polo "bo" camiño. Repítese o que xa fixo en 1985 Ronald Reagan, cando se empeñou nunha Iniciativa de Defensa Estratéxica (coñecida entón como "a guerra das galaxias") que logrou que finalmente Mijail Gorbachov arroxase a toalla. Sabe que o dominio militar do espazo é unha clave fundamental no intento por consolidar o seu liderado mundial e non está disposto a que outros (con China e Rusia en primeiro lugar) lle disputen a primacía da que actualmente goza. Ao mesmo tempo, unha proba de forza como esta serve para experimentar os sistemas de defensa que se están ensaiando constantemente e, tal como deben soñar/delirar os seus impulsores, para facilitar a aprobación de novos fondos orzamentarios.

Mentres tanto, e só unhas horas antes desta acción destrutiva, dous cazas estadounidenses F-15C chocaron en pleno voo, na zona do Golfo de México, cando levaban a cabo unha acción de adestramento. Un dos pilotos faleceu e o outro quedou grave. Que revolto está o ceo.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: