Trinta persoas resultaron feridas nun bombardeo en Gaza, onde morreu un bebé. Tamén en Cisxordania, controlada por Al Fatah, dous militantes foron abatidos.
Gaza permanece bloqueada dende a chegada de Hamas ao poder
Un bebé de cinco meses morreu e outras trinta persoas resultaron feridas na noite da cuarta feira nun bombardeo aéreo israelí na franxa de Gaza. Ademais, novas operacións esta quinta feira en Cisxordania e na cidade de Gaza deixaron como resultado dous e catro militantes palestinos mortos, respectivamente, informa o diario israelí Haaretz.
O ataque en Gaza tiña como obxectivo a sede do Ministerio do Interior. O edificio de tres plantas, que estaba baleiro, quedou totalmente destruído. Varias testemuñas relataron que un helicóptero de asalto disparou tres foguetes contra o edificio, situado no nordeste de Gaza.
O ministro de Defensa israelí, Ehud Barak, deu a orde de bombardear a sede da chamada Forza Executiva, creada por Hamas en 2006 e que dirixe os corpos de seguridade en Gaza, despois do lanzamento de varios proxectís de fabricación caseira dende a franxa e que provocaron a morte dun civil.
En Cisxordania, na mañá desta quinta feira, tropas do Exército israelí asasinaron un membro do Comités de Resistencia Popular e outro das Brigadas dos Mártires de Al-Aqsa (grupo vinculado ao partido nacionalista Al Fatah) no campo de refuxiados de Balata, nos arrabaldes de Nablus. Á mesma hora, forzas aéreas israelís abatíana catro militantes de Hamas na Cidade de Gaza.