A cousa é seria, e Pardeiro e García, os seleccionadores nacionais, son conscientes diso. Todo ten que estar arranxado para a estrea da vindeira sexta feira.
Os xogadores da selección galega de fútbol sala, hanse concentrar esta quinta feira dende as 10:30 horas da mañá para preparar o histórico debut da irmandiña do futsal ante Uruguai.
Os dous seleccionadores, Bruno García e Javier Pardeiro, programaron o penúltimo adestramento colectivo (xa levan dous) para esta quinta ás 17:00 horas na Malata (onde se vai xogar o partido).
Actividades todo o día
Antes do día do debut de Galiza, comezarán unha chea de actividades organizadas para non deixar pasar por alto unha data máis do que memorábel para o deporte galego. De feito, esta quinta feira ás 11:00 horas os convocados visitarán os nenos e nenas do colexio San Xoán. Hora e media despois irán até o colexio Jesús Maestro. En ámbalas dúas visitas, os futbolistas falarán cos nenos e nenas sobre o seu deporte.
Para día do partido, esta sexta 29 de febreiro, están organizadas unha serie de actividades lúdicas que se han desenvolver na pista azul da Liga Nacional de Fútbol Sala, instalada no mesmo pavillón da Malata.