A selección galega absoluta de fútbol sala xa vai collendo forma, namentres prepara o seu debut do vindeiro 29 de febreiro en Ferrol.
Xogan fronte ao Uruguai, e parecen preparados. Esta terza feira comezaron os ensaios, no escenario do histórico partido, o pavillón da Malata, en Ferrol.
Alí estaban os dous seleccionadores nacionais, Bruno García e Javi Pardeiro, que ao final cumpriron o prometido: convocaron xogadores de toda Galiza, e non só da División de Honra (onde están o Lobelle, o Azkar e o Leis), senón tamén da División de Prata (Burela e Ourense FS) e da Nacional A (O Parrulo de Ferrol e o Cidade de Narón).
A última hora uniuse Pola, xogador do Lobelle de Compostela, á convocatoria. O xogador, que xa fai parte da irmandiña do futsal, chegaba após a lesión doutro xogador moi destacado do fútbol sala a nivel estatal, Pitu, que non puido acudir ao primeiro ensaio da selección, pero que seguramente poderá estar no encontro do día 29. Quen non vai estar finalmente é Fernando Regueira, do Parrulo de Ferrol.
A vindeira terza feira a selección galega volverá adestrar baixo as ordes de García e Pardeiro, na última preparatoria para o partido da sexta feira 29 de febreiro, data histórica para un debut. Despois do doutras seleccións como a de baloncesto, a de fútbol ou a de balonmán, xa lle tocaba aos do futsal galego.